CONCURSO DE CARTEIS ‘QUIN ALBORÉS- NIGRANJAZZ 2024’

DESCARGAR AS BASES

DESCARGAR DECLARACIÓN DE AUTORÍA

O CONCELLO DE NIGRÁN CONVOCA UN NOVO CONCURSO DE CARTEIS ‘NIGRANJAZZ-QUIN ALBORÉS’ ELEVANDO O PREMIO AOS 700 €

O festival celebra a súa maioría de idade cun aumento dun 40% da dotación económica para o cartaz gañador. O prazo para a presentación de propostas remata o martes 30 de Abril, ‘Día Internacional do Jazz’

“Estamos moi orgullosos de unir con este certame música e deseño baixo o paraugas do jazz, por iso consideramos que era hora de subir a contía do premio para seguir contanto con participación de alto nivel”, explica o alcalde, Juan González

Nigrán, 25/03/24.- O Concello de Nigrán convoca un ano máis o xa tradicional concurso de carteis ‘Quin Alborés-Nigranjazz’, aumentando a 700 euros o premio a proposta gañadora para festexar así a maioría de idade do festival (desde a súa orixe o premio foi sempre 500 €). O certame ten como obxectivo difundir a imaxe do Nigranjazz 2024 na súa XVIII edición e o prazo de presentación de propostas remata o 30 de Abril (Día Internacional do Jazz). O certame rende homenaxe desde o ano 2010 ao falecido artista nigranés Quin Alborés, gran amante do xénero e quen impulsou o evento desde o seu comezo deseñando os tres primeiros carteis. As bases completas poden consultarse na web do Concello www.nigran.es ou na propia Casa Consistorial.

Como en cada edición, o concurso está aberto a persoas físicas maiores de 18 anos, podendo presentar cada unha delas (individualmente) un máximo de dúas obras, coa condición indispensable de ser inéditas e cunha estética relativa ao mundo do jazz. Os orixinais realizaranse en formato vertical, en tamaño A2 (594 x 420 mm.) e deben ser anónimos de acordo co previsto nas propias bases, poidendo enviarse as propostas por correo electrónico, por Rexistro ou Correos, seguindo as indicacións facilitadas na convocatoria.

“O Concello de Nigrán mantén unha vinculación estreita co mundo do jazz a través da súa programación cultural e estamos moi orgullosos de unir con este certame música e deseño baixo o paraugas do jazz, por iso consideramos que era hora de subir a contía do premio para seguir contanto con participación de alto nivel”, explica o alcalde, Juan González.