CONCERTO DE MAYAKA NAKAGAWA-‘I CICLO DE NOVOS INTÉRPRETES’

DESCARGAR PROGRAMA

O CONCELLO DE NIGRÁN OFRECE ESTE XOVES NO AUDITORIO MUNICIPAL UN CONCERTO ESPECIAL DE NADAL COA GRAN PIANISTA XAPONESA MAYAKA NAKAGAWA

O Concello estrea así o ‘I Ciclo de Novos Intérpretes’ dirixido a programar concertos de solistas ou agrupacións camerísticas de músicos de excelencia matriculados no último curso dun Conservatorio Superior en España ou gañadores dalgún concurso

Nakagawa, nacida no 1993 en Aichi e residente en Italia, ten gañado numerosos premios en certames nacionais e internacionais de gran prestixio

Nigrán, 21/12/2021.- O Concello de Nigrán ofrece este xoves 23 de decembro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal un concerto especial de Nadal a cargo da pianista xaponesa Mayaka Nakagawa. A moza, nacida no 1993 en Aichi e residente en Italia, será a encargada de estrear o ‘I Cliclo de Novos Intérpretes’ do Concello de Nigrán, un certame que nace co obxectivo de ofrecer actuacións de novos talentos musicais de toda España, ben matriculados no derradeiro curso do Conservatorio Superior ou ben gañadores dalgún concurso nacional ou internacional (solistas ou formacións camerísticas).

Mayaka interpretará a Sonata N 2 Op.14 en Re menor de Prokofiev e Kreisleriana Op.16 de Schumann. A pianista comezou os seus estudos de piano á idade de 6 anos. Obtivo numerosos premios en concursos nacionais e internacionais como: Primeiro Premio en “FAZIOLI online piano competition”, e o Primeiro Premio e Premio da Orquestra no “Concurso Internacional de piano de Campillos”, “International Chopin Piano Competition” en Asia (Gold Prize da Categoría High School e Bronze Prize da Categría Profesional), “17 Concurso Internacional de Piano Fryderyk Chopin” de Varsovia (Diploma de Segunda Fase), the Silver Prize e Oji Hall Premio Especial en “PTNA Piano Competition” na Categoría Grao Superior, e o Gold Prize no “1 st Ishikawa International Piano Competition”. Graduouse no Tokyo College of Music como alumna especial bolseira, e actualmente estuda en International Imola Piano Academy en Italia co mestre Leonid Margarius. Mayaka recibe tamén a bolsa especial do Yamaha Music Foundation desde 2014

I Ciclo de Novos Talentos’

Co afán de apoiar e protexer a excelencia musical, o Concello de Nigrán pon en marcha unha serie de concertos cunha mostra das mellores novas promesas de todas as especialidades instrumentais que marcarán o devir musical e cultural nun futuro non moi afastado. Así, Nigrán pon o seu Auditorio Municipal a disposición das agrupacións de novos músicos de todos os ámbitos, formacións camerísticas e solistas, que estean matriculados no último curso de Grao Superior de calquera conservatorio de España e sexan especialmente talentosos, así como aqueles intérpretes gañadores dalgún primeiro premio nalgún concurso nacional ou internacional.

“Trataremos de ofrecer unha variedade instrumental e musical para achegar ao público xeral obras de diversos estilos e épocas. Estamos seguros, pois, de que todos os afeccionados á boa música van gozar da oportunidade de escoitar aos mellores intérpretes nacionais durante o próximo ano no Auditorio do Concello de Nigrán”, sinala a edil de Cultura Nuria Lorenzo.