O CONCELLO DE NIGRÁN PRESENTA COA SÚA PROGRAMACIÓN DE AGOSTO A CERVEXA PROMOCIONAL ‘NIGRÁN, EQUILIBRIO NATURAL’
A firma miñorana Trisk-Ale foi a encargada de elaborar esta cervexa que está desde hoxe en venda en locais do municipio e que promove a riqueza natural de Nigrán
O Concello de Nigrán presentou a súa oferta cultural de agosto dando continuidade á de xullo ao manter a aposta polos festivais ao aire libre de aforo reducido debido as circunstancias sanitarias (Chandefolk, Solpor, Sonagaifar ou o novo Parrulas Fest na Foz) e seguir cos roteiros guiados pola rede de sendeiros municipais. A gran novidade deste mes ven da man de cervexas ‘Trisk-ale’, firma miñorana fundada polos nigraneses Andrés e Roberto Toledano, responsables de elaborar e sacar ao mercado a cervexa promocional ‘Nigrán, equilibrio natural’, presentada hoxe no bar Praia D’Abra (rúa Cansadoura) e á venda xa en diferentes locais hostaleiros do municipio e tendas (ademais estará presente nos diferentes eventos organizados desde o Concello).
“Nigrán ten equilibrio natural. A hipnótica cor brillante dos solpores ámbar de Monteferro, o son fuxitivo da escuma das ondas rachando embravecidas en Patos ou o fascinante recendo floral ao camiñar por carreiros forestais máxicos. Vivencias ledas e sensacións de agradábel frescor son a esencia desta cervexa, o demais é para descubrir paseniñamente, gozando de cada un dos sorbos que ofrece Nigrán”. Así reza nun pequeno texto a propia etiqueta deseñada por Olalla Fernández, adoitando a botella o nome de ‘Nigrán, equilibrio natural’, lema do Concello de Nigrán neste verán. Consecuentemente, e encaixando á perfección nesta descrición, trátase dunha cervexa rubia, con cor dourado claro, vidrada e brillante, escuma crema densa e consistente e aroma a malta equilibrada con lúpulo de carácter floral e cítrico, o que outorga ese retrogusto; ten corpo e o seu paso por boca resulta sedoso e, por elo, fácil de beber; adicionalmente, os sabores a maltas recordan ao pan e o lúpulo outorga un amargor suave con notas a mandarina.
“Queremos promover Nigrán como o que é, un lugar onde podemos presumir de equilibrio natural, e consideramos que un dos xeitos de facelo é a través precisamente da cervexa elaborada polos irmás Toledano, veciños de Patos. Agora Nigrán tamén ten o seu propio sabor”, resume o alcalde, Juan González, quen destaca que esta cervexa terá un protagonismo destacado no ‘Val Miñor Fest’, festival da cervexa artesán que este ano terá lugar do 20 ao 23 de agosto na Alameda de A Ramallosa.
“Estamos moi satisfeitos co resultado final porque consideramos que a elaboración resume o que é Nigrán desde o punto de vista paisaxístico, un municipio onde non hai que elixir entre praia ou montaña para gozar da natureza; e tamén porque contén o carácter dunha localidade hospitalaria onde ninguén se sinte de fora nin queda excluído”, inciden Andrés e Roberto Toledano, que teñen en stock 1.500 botellas mentres elaboran outra remesa.
Cervexas TRISK-ALE, naceu hai 8 anos en Nigrán e, aínda que por necesidades de produción actualmente elaboran en toda Galicia, a base de operacións mantense na localidade, concentrando na comarca o seu maior esforzo ao querer seguir mantendo o concepto de produto de cercanía. Contan con 6 referencias no mercado e dispoñen dun local especializado en Baiona (La Micro), onde serven as súas cervexas directamente aos clientes.
Seguir os puntos de venda nas redes sociais de @trisk-ale cervezas