CERTAMES ‘CARLOS CASARES: NO CAMIÑO DAS ARTES’

BASES CERTAME FOTOGRÁFICO: ‘PAULINO APRETA O BOTÓN’

BASES RELATO CURTO: ‘TORIBIO: UNHA AVENTURA EN NIGRÁN’

O CONCELLO DE NIGRÁN E A FUNDACIÓN CARLOS CASARES CONVOCAN SENDOS CERTAMES DE RELATO CURTO E FOTOGRAFÍA DIRIXIDOS AOS COLEXIOS DO MUNICIPIO

O concurso de escrita leva por título ‘Toribio: unha aventura en Nigrán’ e o de fotografía ‘Paulino apreta o botón’. O prazo de presentación de propostas é do 1 de Xaneiro ao 11 de Marzo

A entrega dos premios realizarase nunha gran gala cultural o 29 de Abril en Nigrán

“O ano pasado xa realizamos un primeiro certame de relato curto e agora damos un paso máis e ampliamos ao eido fotográfico. O obxectivo é honrar a memoria dun dos nosos veciños máis ilustres e queridos”, explica o alcalde, Juan González

Nigrán, 21/11/22.- O Concello de Nigrán e a Fundación Carlos Casares volven a camiñar da man para convocar un certame de relato curto entre todo o alumnado dos centros educativos públicos e concertados do municipio (Primaria, Secundaria e ESO) e amplían a iniciativa ao eido fotográfico. O obxectivo é, un ano máis, homenaxear a un dos veciños máis ilustres de Nigrán, Carlos Casares, e promover ao autor entre a mocidade. Nesta ocasión o concurso de escrita leva por título ‘Toribio: unha aventura en Nigrán’ e o de fotografía ‘Paulino apreta o botón’ e o prazo de presentación de propostas será do 1 de Xaneiro ao 11 de Marzo. O fallo se dará a coñecer o 22 de Abril e os premios se entregarán nunha gran gala cultural o 29 de Abril no Auditorio Municipal bautizada como ‘Carlos Casares: no Camiño das Artes’. As bases con toda a información están penduradas na web www.nigran.es e www.fundacioncarloscasares.org

“O ano pasado xa realizamos un primeiro certame de relato curto e agora damos un paso máis e ampliamos ao eido fotográfico. O obxectivo é honrar a memoria dun dos nosos veciños máis ilustres e queridos. Para Nigrán é un orgullo que Carlos e Cristina elixisen vivir en Vilariño e que aquí virán medrar aos seus fillos, as súas ilusións, os seus libros e os seus proxectos”, sinala o rexedor, Juan González, quen aposta por manter estes certames de xeito anual.

No caso de ‘Paulino apreto o botón’ os participantes deberán presentar fotos feitas no municipio que sirvan como reclamo publicitario dalgúns dos seus aspectos turísticos, patrimoniais, gastronómicos, etc. A profesión de Paulino é a de axente de publicidade e, polo tanto, deben seguir os seus pasos para acadar unha imaxe que o xurado determinará como merecedora de ser premiada, a cal deberá aunar calidade, vistosidade e aporte publicitario. Neste certame haberá unha primeira categoría de (1º, 2º, 3º de Primaria), segunda (4º, 5º e 5º de Primaria) e ESO.

No caso de ‘Toribio: unha aventura en Nigrán’, os participantes deberán presentar un relato curto no que o neno Toribio (outra personaxe creada na ficción por Carlos Casares), viva unha das súas apaixonantes aventuras nalgún lugar do Concello de Nigrán. Neste caso, o certame ten dúas categorías: unha para alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria e outra para ESO.

“Pretendemos perpetuar máis se cabe o seu legado, facendo entre outras cousas caso dunha das moitas reflexións que nos deixou cando dixo aquelo de que “as cousas da mente, comezando pola lectura, hai que cultivalas para que non enferruxen”. Non debemos esquecer que os valores e hábitos relacionados coa cultura deben ocupar un relevante espazo nos inicios e etapas medias do período formativo dos alumnados (primaria e ESO), posto que co desenrolo dos mesmos o seu crecemento educacional resultará favorecido”, sinalan pola súa banda desde a Fundación Carlos Casares.