Certame ‘Olla con Nigrán’

Volve “Ollo con Nigrán”, o certame que premia as miradas que atopen os tesouros naturais do municipio
Teatro do Ar e SomosTerra lanzan, en colaboración co Concello, a segunda edición deste concurso para potenciar a creación artística e divulgar a gran riqueza natural do municipio con 1.000 euros en premios para gastar no comercio local
As persoas que desexen participar teñen que facer gravar un vídeo de non máis de dous minutos onde se mostrará a natureza de Nigrán e se contará un microrrelato, un poema, un conto ou unha obra de teatro
Nigrán ten unha natureza única, que inspira e que agocha moitos tesouros que hai que descubrir. Con esa idea naceu o ano pasado o certame “Ollo con Nigrán”, un concurso vídeo literario que quere potenciar a creación artística en lingua galega ao tempo que divulga a gran riqueza natural do municipio. Teatro do Ar e a Cooperativa SomosTerra, en colaboración co Concello, lanzaron hoxe a segunda edición dun concurso que formará parte da programación municipal dun mes de marzo moi especial que unirá a cultura coa natureza de Nigrán.
O certame tamén ten o obxectivo de visibilizar e premiar o comercio local. Por iso, repartíranse 1.000 euros en vales para consumir nos comercios que se sumen ao certame a través do seguinte formulario. O certame constará de tres categorías: Estelas, para nenos e nenas de Nigrán nada no ano 2012 ou posteriores, Lourido, mozos e mozas de Nigrán nadas entre o ano 2006 e 2011 e Monteferro, para persoas nadas antes do ano 2006. Ademais o colexio que conte con máis alumnado participante tamén recibirá 200 euros para mercar no comercio local.
A data límite para participar é o martes 5 de marzo ás 00.00 horas e as persoas poderán presentar os seus traballos a través dun formulario online acompañado dunha PLICA cos datos do autor ou autora e o texto orixinal que se utiliza no vídeo. Dende Teatro do Ar e SomosTerra queren “animar a todas as persoas a participar” e agradecen ao Concello “que volverá apostar por este proxecto que quere encher as nosas pantallas coa beleza que agocha Nigrán”. Na edición do ano pasado presentáronse 26 vídeos.
O alcalde, Juan González, destaca que con este certame queremos mostrarlle a todo o mundo “que temos unha natureza privilexiada que ten de todo dende as praias ata os miradoiros máis impresionantes”. Ademais tamén incide que “Ollo con Nigrán nos permitirá ver as miradas que os veciños e veciñas teñen do noso municipios, descubrir xoias ocultas e aprender en conxunto que a nosa natureza é unha gran riqueza”.
As bases están dispoñibles aquí e as persoas poderán presentar calquera dúbida en cooperativa@somosterra.gal, grupoteatroar@gmail.com ou a través das súas redes sociais.