Cabalgata de Reis

O CONCELLO DE NIGRÁN OFRECERÁ UNHA CABALGATA DE REIS CON RECEPCIÓNS EN NIGRÁN, A RAMALLOSA E PANXÓN

A Comitiva Real parará media hora na Praza do Concello, Parque da Feira e Gaifar co obxectivo de evitar a habitual concentración no tramo final en Panxón

Máis de 80 paxes e axudantes integrarán o séquito ‘Fantasía de Oriente’. Ante a posibilidade de choiva pode haber cambios de última hora que se comunicarían na web municipal

Nigrán, 03.01.22.- O Concello de Nigrán ofrecerá este ano unha cabalgata de Reis con tres recepcións en Nigrán, A Ramallosa e Panxón co obxectivo de evitar as habituais concentracións no tramo final. O obxectivo é disgregar ao público e ofrecer unha Cabalgata segura que non prive aos máis pequenos da maxia desta noite. Ante a posibilidade de choiva, pode haber pequenos cambios de última hora que se comunicarían a través da web www.nigran.es. A comitiva e as súas carrozas, formada por máis de 80 paxes e axudantes, conformarán unha verdadeira ‘fantasía de Oriente’ deseñada íntegramente por Sarao Animación.

Deste xeito, as Súas Maxestades estarán presentes na Praza do Concello de Nigrán ás 17:00 horas para saír ás 17:30 horas cara a rúa Telleira por Rosalía de Castro. A continuación, a comitiva retomarase na Ramallosa (Rúa Valle Inclán) para percorrer a rúa Cabreira, Romana Alta e Damas Apostólicas, onde pararán no Parque da Feira sobre as 18:30 horas durante outra media hora para que os nenos os poidan ver de preto, seguidamente continuarán por Romana Baixa e Manuel Lemos. Finalmente, a comitiva reaparecerá en Panxón (antes do espazo deportivo de Gaifar) sobre as 20:00 horas para realizar a última Recepción Real no exterior do Pavillón.

As Súas Maxestades estará acompañados por un séquito de máis de 80 paxes do Club Baloncesto Nigrán, Club de Patinaxe Nigrán, Discamino coas súas bicis adaptadas e Hípica Abraín cos seus xinetes a cabalo. Ademais, a Rondalla de Parada se sumará na Ramallosa. Todos eles forman cadanseu grupo burbulla e repartirán máis de media tonelada de caramelos e gominolas sen glute coa novidade de que non serán lanzados ao aire para evitar concentracións.

“Deseñamos unha Cabalgata 100% segura desde o punto sanitario para o goce da infancia, por iso ofrecemos tres puntos diferentes para ver de preto aos Reis en lugar de o tradicional de Panxón. Este é un día moi importante para os máis pequenos, polo que simplemente hai que adaptar o evento á realidade Covid-19, tal e como se fai nos concertos ou eventos deportivos”, considera o alcalde, Juan González.