Bravo Bosch e Valverde visitan aos 135 participantes do programa autonómico “Reencontros na terra 2013”

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, o alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, e o Subdirector Xeral de Emigración e das Comunidades Galegas, Ramón Brigos, mantivernon esta mañá un encontro cos 135 participantes do programa “Reencontros na terra 2013” que pasan estes días na Residencia de Tempo Libre de Panxón.

O programa, organizado pola Secretaría Xeral de Emigración en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar, ten por finalidade favorecer o achegamento á súa terra e ás súas familias dos emigrantes galegos de máis de 65 anos de idade.

Procedentes de Arxentina, Uruguai, Venezuela, Brasil, Cuba e Paraguai, os participantes contan cun completo programa que se desenvolve ao longo de tres meses con dúas fases diferenciadas, sendo a primeira delas unha estadía de dúas semanas na Residencia de Tempo Libre de Panxón que comezou o pasado 3 de outubro e remata no día de mañá.

Por este motivo, Bravo Bosch e Valverde quixeron pasar un rato con eles para coñecer as súas experiencias e todas as actividades que realizaron nestes quince días de estadía no municipio nigranés. Levaron a cabo diversas actividades recreativas e culturais na residencia, pero tamén excursións a distintos lugares da xeografía galega para un mellor coñecemento da Galicia de hoxe en día. Estiveron así en Santiago de Compostela, Combarro ou Vigo, pero tamén visitaron outras zonas do Val Miñor coma Monteferro, Monte Lourido ou o mercadillo de Patos.

A partires de mañá comezan a segunda fase do programa, que consiste nunha estadía cos seus familiares de Galicia, cos que poden estar ata completar un tempo máximo de tres meses. Trátase dun complemento á estadía “oficial” que supón para moitos dos beneficiarios unha oportunidade única de atopar as súas raíces máis senlleiras e persoais, e redescubrir as ligazóns familiares deixadas atrás, pero non por iso esquecidas.

77 anos de media
Aínda que todos os participantes son maiores de 65 anos, condición sine qua non para beneficiarse do programa, a idade media supera amplamente esta cifra, xa que se aproxima aos 77 anos. Os cinco de maior idade son todos procedentes de Arxentina, e destaca unha persoa que conta nada menos que con 93 anos.

Os continxentes máis numerosos son os procedentes de Arxentina (83 persoas) e Uruguai (36). O resto dos participantes son sete desde Cuba, sete desde Brasil, un desde Venezuela, e un desde Paraguai.

Preto do 40 % dos participantes naceron na provincia da Coruña, o 30% en Pontevedra, e repártense o 30% restante entre as provincias de Ourense e Lugo. Sobresaen como municipios nos que naceron máis participantes Ponteceso e Vimianzo na provincia da Coruña; A Fonsagrada e Becerreá na de Lugo; Ribadavia e Toén en Ourense; e Vigo e Silleda na de Pontevedra.