Bravo Bosch e Valverde visitan a senda litoral de Monteferro

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, visitou hoxe en compañía da Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, María José Bravo Bosch, o Xefe Territorial da CMATI, José Luís Días Yáñez, e doutros membros da corporación local, a senda litoral de Monteferro. A actuación de recuperación deste carreiro está a ser financiada pola Xunta de Galicia, a través dunha subvención destinada a municipios inscritos dentro da Red Natura 2000, pero conta tamén coa colaboración da administración local. En total, o investimento supera os 14.300 euros, un 80% dos cales foron achegados pola administración autonómica.

O proxecto da senda litoral de Monteferro está a desenvolverse en dúas fases. Na primeira, que se presenta hoxe, procedeuse á limpeza, acondicionamento e sinalización do carreiro, un percorrido de 3 quilómetros de distancia que rodea a península na súa totalidade. A segunda fase, consistente na instalación duns paneis interpretativos do carreiro, executarase no primeiro semestre de 2014. “O proxecto da senda litoral de Monteferro estará finalizado antes do próximo verán”, avanzou o rexedor municipal, Alberto Valverde.

A península de Monteferro, inscrita dentro da Red Natura 2000, está catalogada pola Xunta de Galicia como un enclave de singular interese paisaxístico e natural. “Os cantiis, os barcos afundidos, os petróglifos, os miradoiros naturais, as aves mariñas, a flora protexida e diversos xacementos arqueolóxicos esixen especial consideración para a protección e preservación desta península, tanto pola súa riqueza e diversidade patrimonial como polo valor de facer deste espazo unha alternativa máis para o desenvolvemento do turismo sustentable”, sinalou Valverde.

O proxecto
O proxecto consiste na rehabilitación e acondicionamento dun carreiro de 3 quilómetros de lonxitude que discorre pola franxa litoral de Monteferro. A actuación levada ocupa en practicamente a totalidade do trazado os carreiros xa existentes, acondicionando tan só accesos puntuais a lugares de especial relevancia, sen desvirtuar en ningún momento o carácter de espazo natural e protexido do monte.

Entre os obxectivos do proxecto de rehabilitación da senda destacan a recuperación, mantemento e conservación dun espazo natural protexido, mellorando os seus recursos naturais e aumentando a biodiversidade dos mesmos. “O desenvolvemento deste proxecto permite recuperar unha contorna natural de incalculable beleza e valor, que de agora en diante, e especialmente a partir do próximo verán, poderán gozar tanto veciños como visitantes”, sinalou Valverde.