As obras do paseo de Panxón estarán finalizadas antes do comezo da tempada estival

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, visitou hoxe as obras de reparación dos danos causados polos temporais no Paseo de Panxón, xunto co delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello, a xefa da Demarcación de Costas de Pontevedra, Cristina Paz-Curbera, e outros membros de equipo de goberno.

O delegado do goberno en Galicia confirmou o que xa avanzou semanas atrás o rexedor municipal, que as obras estarán finalizadas ao longo deste mes de xuño, “polo que o paseo estará plenamente operativo e en perfectas condicións para as festas de San Juan, o pistoletazo de saída da tempada estival”, sinalou o rexedor.

Neste sentido, o rexedor lembrou algunhas críticas vertidas pola oposición semanas atrás, nas que se solicitaba a paralización das obras de reparación do paseo marítimo. “Por sorte, tomamos a decisión correcta, e Panxón terá o paseo reparado e en perfecto estado dentro do período establecido”, engadiu.

A actuación, que se atopa na última fase de execución, consiste no recalzado do muro de sostemento do paseo nunha lonxitude de 350 metros e substitución do pavimento existente por baldosa hidráulica ao longo dos 350 metros de paseo. O orzamento, achegado integramente polo Goberno Central, ascende a 586.121,52 de euros.

Estas actuacións forman parte do Plan Litoral desenvolvido polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA), para restaurar infraestruturas e espazos costeiros afectados pola climatoloxía adversa dos pasados meses.

Plan Estatal
Durante a visita, o delegado lembrou que o Ministerio puxo en marcha en febreiro un plan completo de mellora de diversos espazos do dominio público marítimo-terrestre e de infraestruturas costeiras co obxecto de poder garantir un uso público seguro e sustentable dos mesmos nesta tempada estival.

Así, Juárez apuntou que as actuacións no litoral afectado de Galicia supoñen un investimento de 7 millóns de euros por parte do MAGRAMA, que se distribúen en máis de medio centenar de municipios do tres provincias costeiras. Do total de investimento, 1,5 millóns destínanse a obras na costa de Pontevedra.