A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, realizou esta mañá unha visita ao CPI de Panxón, o único centro educativo da área territorial viguesa onde, o ano pasado, se iniciou a experiencia da aplicación AbalarMóbil, sendo un dos once centros de toda Galicia onde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria puxo en marcha a primeira fase da implantación deste proxecto.
Bravo Bosch, quen estivo acompañada polo alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, explicou que a iniciativa se puxo en marcha coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Este sistema permite que as familias dos 195 alumnos e alumnas que ten o CPI de Panxón poden seguir a actividade educativa dos seus fillos dende calquera lugar, dunha forma rápida e cómoda a través dos seus dispositivos móbiles.
A entrada en funcionamento desta ferramenta é un paso máis na evolución do Proxecto Abalar. O CPI de Panxón forma parte deste proxecto dende o curso 2010/2011 e, dende o pasado mes de novembro, conta coa aplicación AbalarMóbil. Trátase dunha iniciativa que, ademais de garantir a dotación e o mantemento da infraestrutura TIC en todos os centros educativos, busca a participación de toda a comunidade educativa, facilitando ao profesorado, as familias e ao resto da comunidade educativa contidos e recursos educativos dixitais no espazoAbalar.
Acceso máis sinxelo
AbalarMobil traslada ás tablets e aos smartphones os servizos que as familias teñen no espazoAbalar. A principal vantaxe da nova ferramenta é que simplifica o acceso a estas funcionalidades, xa que o único requirimento para acceder á información é descargar a aplicación. O acceso desde un ordenador precisa dispoñer dun certificado dixital ou do DNI electrónico, que verifique a identidade do usuario. Coa nova aplicación só é necesario dispor dun teléfono móbil con conexión de datos e descargar a aplicación para poder acceder aos servizos de AbalarMóbil.
Funcionalidades
As familias que descarguen a aplicación poderán consultar desde o seu dispositivo móbil as cualificacións dos seus fillos, consultar e xustificar as faltas de asistencia, as faltas de conduta, os horarios e as materias, así como os avisos ou notificacións por parte do profesorado ou do centro educativo.
A aplicación está dispoñible para os sistemas operativos IOS, a través da Apple Store e Android, desde a Play Store. AbalarMóbil é a segunda aplicación que a Administración autonómica pon a disposición dos usuarios no espazo ‘Xunta’, onde se publicarán o resto de aplicacións do sector público galego nos dispositivos móbiles.
Melloras no centro educativo
A delegada aproveitou a visita ao CPI de Panxón para comprobar tamén o estado das obras que se veñen de realizar no centro educativo cun investimento total de case 104.000 euros. As obras consistiron na reparación da sala de caldeiras e na reforma da instalación eléctrica.
O CPI de Panxón conta cun total de 195 alumnos e alumnas e a súa oferta educativa pasa por estudos de Primaria, ESO e programas de cualificación profesional inicial (PCPI). Neste curso 2013/2014 forma parte do programa do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe) cun proxecto de 1.000 euros e, ademais, asinou este ano un contrato-programa para unha actuación de reforzo, orientación e apoio.
Pola súa parte, o rexedor municipal agradeceu o esforzo da Xunta de Galicia polas inversións realizadas neste centro de Nigrán en particular, así como á xestión da directiva do mesmo, “dirixida á educación e concienciación medioambiental e de aforro enerxético do alumnado”. Así mesmo, adiantou o compromiso da administración autonómica de reparar o baixo cuberta do Carlos Casares, unha actuación que calificou de fundamental e imprescindible.