“Airiños Novos de Pinzás” presenta o seu novo disco “O buraco dos mouros”

O grupo de gaitas e treboada “Airiños Novos de Pinzás” presentará este sábado o seu último traballo “O buraco dos mouros”. O grupo, nacido no seo da Asociación Veciñal e Cultural de Pinzás, dará a coñecer o seu último disco cunha actuación no Salón de Actos municipal a partir das 19.00 horas, cuxa entrada será libre e gratuíta.

O disco foi gravado en 2013, e o seu nome responde o topónimo dunha das zonas do monte de Pinzás, na Serra da Groba, onde os romanos extraían ouro hai máis de 1.900 anos.

As orixes deste grupo remóntanse ao 2002, ano no que se constitúe esta agrupación co fin de promover e fomentar actividades sociais, culturais e de lecer tradicionais galegas para todos os públicos, así como para manter viva a relación entre os veciños de Pinzás. Xa en 2009, e tras a fundación dous anos atrás da Escola de Música Tradicional, nace o precedente do grupo actual, “Grupo de Gaitas Airiños Novos”.

Na actualidade, o rebautizado grupo conta con 15 compoñentes baixo a dirección de Mario Bautistas. O seu repertorio está principalmente composto por música tradicional, interpretadas sempre en galego, aínda que non descartan incorporar novas melodías “de moda”.

III Encontro Cantares non Miñor
Así mesmo, o vindeiro sábado 22 de marzo ás 20.30 horas no Salón de Actos municipal acollerá o III Encontro de Coros Tradicionais Cantares non Miñor, que na súa terceira edición contará coas actuacións do coro Aimil, de Xinzo de Limia, e Cantares do Brión, da Asociación Cultural de Vincios. A entrada será gratuíta até completar aforamento.