Visita teatralizada ao Cemiterio do Ceán (19:30 e 20:30 horas)
As visitas teatralizadas que organiza o Concello de Nigrán serán representadas por Teatro do Ar, o grupo que recibiu este ano o Premio municipal á Cultura. Os e as interesadas poderán coñecer a historia e aos personaxes ilustres do cemiterio de Ceán en dúas visitas de 45 minutos, unha ás 19.30 horas e outra ás 20.30 horas.
Durante o paseo teatralizado nigraneses ilustres como Carlos Casares, Daniel Pazó ou o profesor Vázquez Grela cobrarán vida para coñecer e contar a súa historia aos seus actuais veciños. “É unha sorte revivir momentos, loitas e ilusións que estas persoas tiveron para facer de Nigrán o que é hoxe”, destacan dende Teatro do Ar, ao tempo que explican que estas visitas “tratarán de conxugar toda a información que temos dunha forma cómica e lixeira para que todas e todos poidan desfrutar da nosa historia nun Samaín tan especial”.
O director de Teatro do Ar, Pedro Rodríguez, expón que o cemiterio de Ceán “agocha as historias de persoeiros con moito que contar como Daniel Pazó, destacado republicano e inventor dun novo método que revolucionou a pesca do polbo en Galicia, a triste, pero exemplar historia do mestre Vázquez Grela, ou o encanto do maxín de Carlos Casares, así como, a historia oculta de mulleres e homes, polo de agora anónimos, que emocionan e dos que temos moito que aprendes”, conclúe.