VISITA GUIADA AO BOSQUE FÓSIL DE PATOS

Data de inicio 19/09/2024
Data de fin 19/09/2024

O CONCELLO DE NIGRÁN OFRECE MAÑÁ UNHA VISITA GUIADA
AO BOSQUE FÓSIL DE PATOS APROVEITANDO UNHA BAIXAMAR
DE RECORD

Será o mellor momento nos vindeiros 20 anos para poder apreciar estas árbores petrificadas que datan de entre 5.000 e 10.000 anos de antigüidade, cando o nivel do mar estaba moito máis afastado

Os interesados deben presentarse ás 11:00 horas no aparcadoiro das escolas de surf. Terá unha duración de 50 minutos e estará guiada por Antón Lois, de Amigos da Terra

Nigrán 18/09/24.- O Concello de Nigrán ofrece mañá xoves 19 de setembro ás 11:00 horas unha visita guiada ao bosque fósil da praia de Patos ao rexistrarse a esta hora unha baixamar de record que permitirá a mellor observación posible dos próximos 20 anos. Estará guiada por Amigos da Terra, terá unha duración de 50 minutos, e as persoas interesadas tan só teñen que presentarse á hora mencionada no aparcadoiro das escolas de surf.

“Ímos coñecer parte da nosa historia máis descoñecida, Patos non só é unha praia espectacular, se non que conta co bosque fósil máis importante de toda a provincia de Pontevedra, con esta visita queremos observar esta praia desde outro punto de vista menos común e polo que tamén sobresae. Non podíamos deixar de aproveitar esta oportunidade que nos ofrece unha marea tan baixa”, explica o alcalde, Juan González. Así, moitas das rochas desta praia son realmente árbores petrificadas de hai entre 5.000 e 10.000 anos, cando a liña do mar estaba máis afastaba e se podía ir camiñando desde Cabo Home a Cíes. Toda esta zona estaba constituída por un bosque que, grazas á falta de oxíxeno e salinidade, permitíu que se fosilizase, polo que estas rochas teñen a simple vista apariencia de grandes troncos.

“Esta marea baixa permitirá que poidamos observar en condicións excepcionais algunhas destas árbores, non haberá un momento igual nos vindeiros 20 anos”, garante Antón Lois, educador ambiental de Amigos da Terra.

Camiño de Patos, 11, 36340 Nigrán, Pontevedra, España