Torneo ‘Os Pulmóns Futsal’
O CONCELLO DE NIGRÁN COLABORA COA EDICIÓN DO ‘II TORNEO OS PULMÓNS FUTSAL’ DE CHANDEBRITO ESTA FIN DE SEMANA
O evento deportivo está apadriñado polos veteranos do Real Club Celta Jorge Otero (natural de Priegue) e Javier Maté e Luis Villar (veciños de Chandebrito e Camos respectivamente)
Nigrán, 08/07/23.- O Concello de Nigrán colabora un ano máis na celebración do torneo ‘Os Pulmóns Futsal’ de Chandebrito que organiza a peña ‘Os do Bar’ da citada parroquia co fin de promover este deporte e dar uso ás instalacións municipais. O evento deportivo, que ten lugar ata o domingo no campo de futsal de Chandebrito, está apadriñado polos futbolistas veteranos do Real Club Celta Jorge Otero (xogador internacional natural de Priegue) e Javier Maté e Luis Villar (veciños de Chandebrito e Camos respectivamente desde hai décadas), os tres acudiron á presentación a semana pasada e Villar e Otero puideron asistir onte a realizar o saque de honra.
Un total de 16 equipos de toda a comarca están inscritos neste torneo amateur con premios de 600 €, 300 € e 100 € para os tres primeiros clasificados, ademais de trofeos e agasallos. Os partidos comezaron onte e continúan hoxe desde as 16:00 e o domingo 9 desde as 10:00 horas con entrega de trofeos prevista ás 14:00 horas aproximadamente. No recinto deportivo haberá cantina con churrasco e chouripán á venda. Desde a peña ‘Os do Bar’ animan á veciñanza a acudir.