Roteiro ‘O legado de Antonio Palacios en Nigrán’

Data de inicio 19/10/2024
Data de fin 19/10/2024

O CONCELLO DE NIGRÁN OFRECE ESTE SÁBADO UN ROTEIRO POLO LEGADO DE ANTONIO PALACIOS EN NIGRÁN

A andaina guiada terá lugar ás 16:00 horas e é preciso inscribirse previamente no mail oficinaturismo@nigran.org

“Temos a sorte de contar en Nigrán cunha das obras máis fermosas da arquitectura do século XX en Galicia e a revindicamos tamén como reclamo turístico”, sinala o rexedor, Juan González, con respecto ao Templo Votivo do Mar

Nigrán, 15/10/24.- O Concello de Nigrán ofrece este sábado 19 de outubro un roteiro sobre o legado de Antonio Palacios no municipio co gallo do 150 aniversario do nacemento do célebre arquitecto porriñés e coincidindo coa semana da inauguración do Templo Votivo do Mar (16 de outubro de 1937). Este terá lugar ás 16:00 horas e é imprescindible inscribirse previamente a través do mail oficinaturismo@nigran.org achegando nome, apelidos e teléfono de contacto. Para calquera información adicional está habilitado o número de teléfono 699859418.

“Temos a sorte de contar en Nigrán cunha das obras máis fermosas da arquitectura do século XX en Galicia e a revindicamos tamén como reclamo turístico”, considera o rexedor, Juan González, quen non dubida en calificar ao Templo Votivo do Mar, en Panxón, como “a obra relixiosa máis representativa de Palacios”, arquitecto recoñecido internacionalmente pola súa trascendencia no deseño de Madrid e ao que a capital de España consagra o ano 2024. “En Nigrán non podemos ser menos que en Madrid á hora de reivindicar a Palacios, queremos festexar este fito e promover a súa pegada no municipio “, sinala.

Templo Votivo do Mar

Probablemente á obra cume de arquitectura relixiosa do galego Antonio Palacios (1874-1945), considerado un dos grandes mestres do rexionalismo e con obras recoñecidas internacionalmente como o Palacio das Comunicacións de Madrid ou o Círculo de Belas Artes. Palacios inspirouse no veciño arco visigótico que formaba parte da antiga igrexa de San Juan (e que el mesmo librou da demolición polo seu gran valor histórico) iniciando a construción do Templo Votivo do Mar dedicado á Virxe do Carmen en 1932 e finalizándoo en 1937. O seu estilo é complexo de definir, xa que recolle elementos de moi diversas procedencias, emprega a pedra espida dentro dunha tipoloxía rexionalista e destacan marcados trazos góticos e mesmo islámicos se observamos a trazaría interior da cúpula con policromía de inspiración bizantina e decoración neomudéxar (o construtor nigranés José Mogimes seguiu os seus deseños para, xunto aos mozos de Panxón, configurar os espectaculares mosaicos de azulexo que cobren as bóvedas do templo e que representan diferentes escenas: a Anunciación da Virxe, a Coroación, a Virxe do Carmen).


Warning: Illegal string offset 'address' in /srv/vhost/nigran.es/home/html/wp-content/themes/nigran/single-agenda.php on line 42