Primavera de Jazz: Diego Alonso-Nihil

Data de inicio 1/06/2024
Data de fin 1/06/2024

DIEGO ALONSO

O saxofonista Diego Alonso (1988) lidera o quinteto Nihil, formado a súa vez por algúns dos mellores músicos de jazz de Galicia e de prestixio internacional: Xan Campos (piano), Virxilio da Silva (guitarra), Pablo Patiño (contrabaixo) e Antón Quintela (batería).

Alonso comeza os seus estudos musicais na Escola Municipal de Música de Vigo, accedendo a continuación ao Conservatorio Profesional de Vigo e, posteriormente, aode Santiago de Compostela. Fórmase en Jazz e Música Moderna na Escola Estudio de Santiago e no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, rematando a súa formación regular na Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo (ESMAE) de Porto, coa que recibirá o 1º Premio de Grupos das Escolas de Jazz de Portugal e a Mención Honrosa como Mellor Intérprete na Festa do Jazz do Teatro São Luíz de Lisboa (2015). Amplía os seus coñecementos musicais asistindo a masterclasses con recoñecidas figuras do jazz como Chris Cheek, Seamus Blake, José Pedro Coelho, Logan Richardson, Maikel Vistel, Ben van Gelder, Jorge Rossy ou Demian Cabaud, entre outros. Habitual na escena do jazz e da música moderna en Galiza e Portugal, colaborou con bandas de diversos estilos como Tanghana’s Show, Transilvanians, Moon Cresta, La Banda de Andrelo,The Soul Jacket, Brothers in Band e outras bandas de jazz como a Orquestra de Jazz de Matosinhos , a Orquestra de Jazz do Porto ou o proxecto de André Fernandes ‘Centauri’. Ten tocado xunto a músicos referentes da escena do jazz peninsular e internacional como Kurt Rosenwinkel, Wilfried Wilde, Iago Fernández, Abe Rábade, Paco Charlín, Naíma Acuña, Alfonso Calvo, Alberto Vilas, David Puime, João Lopes Pereira e João Mortágua, entre outros. Os seus traballos discográficos máis recentes son “Monday Mood” de Alfonso Calvo Septeto (2020), con Límbico no seu álbum homónimo (2021), tres discos xunto á Orquestra Galega de Liberación entre os anos 2020 e 2022, “EJE meets Màrio Laginha” (2022) e “EJE meets Iago Fernández” (2023) xunto ao Eixo do Jazz Ensemble e no disco de Marcel Pascual Quinteto “Fluctuaciones” (2023) Tamén colaborou como convidado nos discos “Let me stand” e “K.I.C.K.Radio” de The Souljacket e no disco “Lugar A Ponte” de Caldo. Este ano 2024 editará “Nihil”, o seu primeiro álbum como compositor e líder.

Actualmente, ademais de liderar e compor para a súa propia formación, forma parte das bandas de música moderna como son Blackstereo , Tangomango, Great Straits ou Bafana Bafana , co que recibiu o Premio Martín Códax da Música no ano 2021. Dentro da música jazz e experimental, é membro de Alfonso Calvo Septeto, Ghastas Pista swing band , Orquesta Galega de Liberación e o Ensemble Liberdade , Límbico, Marcel Pascual Quintet e do Eixo do Jazz Ensemble . É, ademais, membro co-fundador e parte activa das asociacións O Eixo do Jazz , xunto a Cristina Marvão, e O Tambor Colectivo , que procuran dinamizar as escenas culturais e musicais galega e portuguesa.

Concello de Nigrán, Praza Constitución, Nigrán, España