Presentación: ‘Los Winkle’, de Ivan R.

Data de inicio 27/12/2023
Data de fin 27/12/2023

 

O CONCELLO DE NIGRÁN ABRE AS INSCRICIÓNS PARA PARTICIPAR NA PRESENTACIÓN DO LIBRO E OBRADOIRO INFANTIL ‘OS WINKLE’,
DE IVAN R.

Terá lugar a tarde do mércores 27 de decembro na Biblioteca de Nigrán en dúas quendas con inscrición previa. Trátase dun libro infantil escrito e ilustrado polo nigranés Ivan R. que tamén ensina a cociñar e adoitar costumes saudables

Ivan R. ofrecerá un taller de deseño de personaxes para extraer os trazos máis caraterísticos de cada un a través do universo vexetal dos Winkle

Nigrán 20/12/23.- O Concello de Nigrán ofrece o mércores 27 de decembro na Biblioteca Municipal a presentación do libro infantil ‘Os Winkle. Máis finos que un allo’ (‘Los Winkle- Todo les importa un pimiento’, na versión en castelán), de Cumio Editorial e escrito e ilustrado polo nigranés Ivan R. O propio autor ofrecerá en dúas quendas (17:30 e 18:30 horas) un obradoiro de deseño de personaxes para crianzas a partir de 6 anos no que os participantes se ‘winklelizarán’ extraendo os seus rasgos más caraterísticos para, a través do universo vexetal dos Winkle, convertirse en personaxes. Os interesados deberán inscribirse previamente no 986365000 de 9:00 a 14:00 horas na quenda elixida e deberán acudir con rotuladores de cores, tesoiras e pegamento de barra. As prazas están limitadas a 20 por obradoiro e se repartirán por rigorosa orde de inscrición. O autor asinará o libro, que está a venda en librerías como ‘Paraísos de Papel’, ao carón da Biblioteca Municipal.

Despois de traballar no cine, series, televisón, moda e publicidade, Ivan R. traballou como profesor nunha escola de moda e como ilustador en máis de vinte libros. Actualmente leva a dirección creativa de dúas editoriais, tarefa que compaxina co seu labor como creativo no seu estudio en Vigo.

‘Os Winkle’ é o seu primeiro libro escrito e ilustrado. Unha familia divertida, diferente e extravagante. Gústalles a choiva, as festas e comer, e na súa casa non hai cabida para a présa. A familia Winkle deixou de tentar encaixar nunha sociedade aburrida para facer o que máis lles gusta: dedicarse a cultivar e coidar a súa horta. Coñecerás a todos os membros do clan (o narrador Peter Winkle, a mamá Rainy, a tía Grape, a avoa Solane, as curmás Carola e Escarola…). Un a un descubrimos as súas teimas e gustos ao mesmo tempo que aprendemos que as nosas rarezas poden ser tamén o punto de partida para construír nosa propia identidade. En resumo, unha divertida historia para gozar en familia, que fará graza a pequenas e a maiores e que, aínda por riba, axúdanos a aprender a cociñar e a adoptar costumes saudables.

Biblioteca Pública Municipal de Nigrán, Praza de Fornes, Nigrán, España