Presentación de libro infantil + obradoiro: ‘Pedro, piloto de gaivotas’

O CONCELLO DE NIGRÁN PRESENTA O VENRES O LIBRO INCLUSIVO ‘PEDRO PILOTO DE GAIVOTAS’ CUN OBRADOIRO PARA CRIANZAS
Trátase dun libro ilustrado que achega ás crianzas ao mundo da discapacidade, polo que o Concello adquiríu exemplares para agasallar a todas as bibliotecas escolares do municipio
No obradoiro, dirixido a cativada de 5 a 9 anos, cada quen creará a súa personaxe coa técnica do recorte con tesoiras e pegado de cartolinas de cores, tal e como é a obra
Nigrán, 23.12.24.- O Concello de Nigrán, dentro da súa programación especial de Nadal, presente este venres 27 de decembro ás 18:00 horas na Biblioteca Municipal o libro inclusivo ‘Pedro o piloto de gaivotas’ coa presenza dos seus autores, Manuel Darriba (texto) e Aida Alonso (ilustracións). Eles mesmos dirixirán un obradoiro para crianzas de 5 a 9 anos aos que lle presentarán a Pedro, un neno con discapacidade ao que lle encanta ver mundo, e por iso se fai piloto de gaivotas (cada mañá ven unha á súa casa para levalo de viaxe). No obradoiro cada quen creará a súa personaxe coa técnica do recorte con tesoiras e pegado de cartolinas de cores, tal e como Aida Alonso ilustrou a obra. Non é preciso inscribirse previamente nin levar material.
O Concello, declarado recentemente Ciudad Amiga de la Infancia por parte de Unicef, adquiríu exemplares á editorial Belagua para as bibliotecas de todos os colexios públicos de Nigrán e para a propia Biblioteca Municipal co obxectivo, precisamente, de achegar esta temática a todas as crianzas e construír desde a base ‘Un Nigrán para todos’ no que ninguén se sinta excluído.
Falar do álbum ilustrado ‘Pedro, o piloto de gaivotas’ é falar de Pedro Darriba, o fillo de tres anos do autor, cunha enfermidade das denominadas raras. Sen entrar na historia particular de Pedro nin na súa discapacidade, o desexo de Manuel Darriba foi “transmitir a idea de que todas as persoas teñen que ter un lugar no mundo para vivir felizmente e con dignidade”. Asimesmo, lembrar que “a dependencia non é exclusiva das persoas con discapacidade, senón que todas, nalgún momento das nosas vidas, necesitamos da axuda de outros”.
