Presentación da novela ‘El resto es Selva’, de Vicente Donoso
A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE NIGRÁN ACOLLE ESTE XOVES A PRESENTACIÓN DA NOVELA ‘EL RESTO ES SELVA’ DE VICENTE DONOSO
O autor é catedrático emérito de Economía na Universidad Complutense de Madrid e estará acompañado por outros dous homólogos
Nigrán 16/08/23.- A Biblioteca Municipal de Nigrán acolle este xoves 17 de Agosto ás 20:00 horas a presentación da novela ‘El resto es selva‘, escrita por Vicente Donoso, catedrático emérito de Economía na Universidad Complutense de Madrid. O acto estará presentado polo concelleiro de Cultura de Nigrán, Roberto Garrido, e, ademais do autor, intervirán tamén José Antonio Alonso Rodríguez, catedrático de Economía, e Indalecio Corugedo de las Cuevas, tamén catedrático emérito de Economía, todos da Complutense de Madrid.
Sergio, un universitario de terceiro de Económicas, socorre a un mozo Gustavo- que sufriu un accidente por culpa en boa parte doutros compañeiros. O que en principio é unha axuda ocasional transfórmase na base dunha amizade entre ambos os mozos, que comparten un común interese pola arte, especialmente pola pintura. Gustavo é un alumno brillante da facultade de Belas Artes, e ofrécese a ensinarlle ao seu novo compañeiro. Esta actividade serve para ir reforzando unha relación, que ten que enfrontarse a distintos retos. Un moi inmediato, o ambiente e os amigos de sempre do colexio e a universidade. Outros máis inesperados e mesmo perigosos, entre os que destaca o intento de asasinato do pai de Gustavo ou a súbita desaparición do propio Gustavo, sen que Sergio saiba por que, e deixando en gran parte baleira a súa vida. En calquera caso, as circunstancias coas que o protagonista debe loitar faranlle reformularse cuestións persoais importantes, como o amor á súa parella Elena ou a amizade; pero tamén a súa actitude ante feitos que son claramente delituosos. O final pode ser unha porta aberta á esperanza.