Píscore Teatro: ‘ComedIA’

O CONCELLO DE NIGRÁN OFRECE ESTE SÁBADO NO AUDITORIO MUNICIPAL A NOVA OBRA DE PÍSCORE ‘ComedIA’
Esta é a cuarta montaxe de creación propia de Píscore e mantén os sinais de identidade que converteron a compañía nunha das propostas máis singulares da escena galega
O Concello de Nigrán, a través do Programa + Escénicas da Deputación de Pontevedra, ofrece este sábado 24 de outubro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal o seu novo espectáculo ‘ComedIA’. A entrada é de balde ata completar aforo.
Con ‘ComedIA’, Píscore propón unha viaxe polo universo da carreira espacial, desde as primeiras exploracións e os grandes fitos científicos ata as misións do futuro, o turismo espacial e as posibilidades que abren as novas tecnoloxías. O espectáculo parte dunha pulsión tan antiga como a propia humanidade: a curiosidade por coñecer o que hai máis alá e a vontade de chegar cada vez máis lonxe. A compañía leva esta inquietude ao terreo do humor e da música para formular algunhas das grandes preguntas que rodean o futuro da exploración espacial: chegaremos algún día a habitar Marte? Existe vida noutros planetas? Que papel terá a Intelixencia Artificial na nosa relación co espazo? E como será a música máis alá da Vía Láctea?
Dirixida por Fran Rei, esta é a cuarta montaxe de creación propia de Píscore e mantén os sinais de identidade que converteron a compañía nunha das propostas máis singulares da escena galega: a mestura de comedia física, virtuosismo musical e a participación directa do público, cunha mirada irreverente sobre a actualidade.
A nova montaxe incorpora ademais novos elementos á particular linguaxe escénica de Píscore, con instrumentos como o theremin ou o otamatone, referencias cinematográficas, gags trepidantes e unha posta en escena na que astronautas, extraterrestres, naves espaciais e o Camiño de Santiago conviven cun universo cheo de posibilidades.
Desde a súa creación en 2015, Píscore desenvolveu unha traxectoria marcada pola creación propia e por unha forma particular de combinar teatro, música e humor. As súas propostas teñen pasado por escenarios e festivais de España, Portugal e Latinoamérica, consolidando unha linguaxe escénica recoñecible e exportable fóra das nosas fronteiras.
