Observación nocturna de petroglifos en Monteferro

Data de inicio 13/07/2023
Data de fin 13/07/2023

 

O CONCELLO DE NIGRÁN CONCENTRA EN MONTEFERRO A OFERTA DE OCIO DA VINDEIRA SEMANA CON ROTEIRO XEOLÓXICO E DE PETROGLIFOS E O FESTIVAL SOLPOR

O xeólogo Francisco Canosa realizará un roteiro xeolóxico o mércores 12, os arqueólogos de Árbore ofrecerán un de observación noctura de petroglifos o xoves 13 e, finalmente, o venres e sábado celebrarase o festival de música ‘Solpor Monteferro’

Nigrán 08/07/23.- O Concello de Nigrán concentra na península de Monteferro a programación cultural e de ocio da vindeira semana. O obxectivo é promover esta paraxe natural de infinita riqueza natural e patrimonial. Así, como ven sendo habitual cada verán, o xeólogo Francisco Canosa realizará un roteiro xeolóxico o mércores 12, mentres que os arqueólogos de Árbore ofrecerán un de observación noctura de petroglifos o xoves 13 e, finalmente, o venres e sábado celebrarase o festival de música ‘Solpor Monteferro’.

Roteiro xeolóxico

Monteferro é un dos puntos máis interesantes de toda a provincia de Pontevedra por concentrar gran cantidade de rochas de diferentes procesos xeolóxicos entre as que destacan conglomerados, lousas, xistos, cuarcitas, granitos e diabasas. O doutor en Xeoloxía Francisco Canosa será quen realice a visita guiadas. Os interesados deben presentarse ás 10:00 horas fronte ao chiringuito de praia de Patos (no aparcamento ao carón do ‘Hostal Montevideo’). O experto deseñou un itinerario de 4 km de dificultade baixa, cunha duracón de 4 horas, adaptada a todo tipo de público, e que arranca na Praia de Patos (praia fósil de 120.000 anos de antigüidade, orixinada cando o mar se atopaba por enriba do nivel actual). A Historia xeolóxica de Monteferro comezou no fondo do mar hai máis de 500 millóns de anos, nun período xeolóxico coñecido como Cámbrico, naquel momento o tamaño e distribución dos continentes eran moi diferentes dos actuais, ata tal punto que Monteferro se atopaba próximo ao Polo Sur, despois, como consecuencia do movemento dos continentes, prodúcese unha salientable colisión entre dous deles (Laurussia e Gondwana) fai 350 millóns de anos, o que orixina unha cordilleira montañosa de altitude semellante ao actual Himalaia. As rochas de Monteferro vense afectadas por este acontecemento xeolóxico en forma de importantes cambios no seu aspecto e composición. Na época dos dinosauros esas montañas erosiónanse por completo para despois, durante a formación dos Alpes, fai só 70 millóns de anos, orixinarse unhas novas que son as que podemos ollar na actualidade. Todos estes procesos e acontecementos xeolóxicos deixaron a súa pegada nos materiais que constitúen Monteferro e a súa contorna, polo que con esta ruta poderá entenderse un pouco mellor a linguaxe das rochas, unha ferramenta básica para interpretar e coñecer a historia do noso planeta.

Roteiro arqueolóxico

Ao día seguinte, xoves 13 de xullo, o Concello ofrece un roteiro nocturno polos petróglifos de Monteferro guiado por arqueólogos da cooperativa Árbore, encargados de mellorar a sinalización e o estado dos gravados desta península. Os interesados en participar tan só deben presentarse ás 21:00 horas ante o Monumento á Mariña Universal cunha lanterna (serviría un móvil con lanterna). Entre os diferentes petroglifos que verán destaca o de ‘Penisas Pequenas’, aquí, entre outras cousas, figuran dous podomorfos, sendo un deles moi evidente ao apreciarse incluso as dedas do pé. “Non se coñece en Galicia un tan ben conservado, non é un motivo para nada común”, explica Benito, arqueólogo de Árbore e quen vincula esta figura á Idade de Ferro ou Bronce fronte ao Paleolítico, cando se representaban as mans. Sobre o significado destes pés a tamaño real non hai unha teoría clara, aínda que algunha delas apunta a ser este un lugar de entronización seguindo a tradición céltica. Outra proba do especial deste rochedo é a cantidade inxente de muíños naviculares. “Son tantos que resulta evidente que non podían ter un fin meramente funcional, tiña que ter algo de ritual, este feito é común no Sur de Pontevedra, non no resto de Galicia, é algo diferenciador” engade. Outra das curiosidades que poderán apreciar serán os gravados de ‘O Duque’, feitos por un excéntrico personaxe de Panxón no século XIX, xunto ao faro de Punta da Meda.

Solpor Monteferro

Este ano poderase gozar do “mellor escenario do mundo” por partida dobre empezando ‘Solpor Monteferro’ o vindeiro venres e sábado. O Concello de Nigrán ofrecerá por vez primeira dúas sesións dobres deste festival xa senlleiro en toda a comarca. En concreto, os concertos á tardiña terán lugar durante as fins de semana do 14 e 15 de xullo e do 25 e 26 de agosto. As actuacións mantéñense gratuítas e o cartaz, como é tradición, desvelarase na mesma semana do festival.

Monteferro