Noitebras Teatro: ‘Retablo do esperpento’

Sinopse de ‘Retablo do Esperpento’
Nunha familia de meigas, unha moza resístese ás argucias da súa tía e da súa nai, que argallan para obter beneficio dos agasallos que un ricacho ofrece a cambio dos favores da virxe. Para reafirmarse na súa liberdade a moza déixase facer as beiras por un humilde afiador, pero unha noite de luarada, servíndose dos seus poderes de meiga, adiviña como sería o seu futuro e decide facer un lixeiro cambio de plans no seu destino a través dunha ligazón. Isto é, dun pacto de sangue.
Noitebras Teatro adéntrase no universo de Valle-Inclán e adapta dúas das súas obras: “Ligazón” e “Rosa de Papel”, incluídas no “Retablo da Luxuria, a Avaricia e a Morte”, fundíndoas nunha única peza teatral: “Retablo do Esperpento”.
Valle-Inclán escribiu: “Quen sabe do pasado sabe do porvir”. E nós, atrevémonos a engadir: “As decisións do presente mudan o futuro”. Ou acaso somos incapaces de burlar o noso fado?
Noitebras Teatro:
Os compoñentes de Noitebras Teatro, inician a súa traxectoria teatral na Escola Municipal de Teatro de Vigo e outras escolas dramáticas da comarca do Baixo Miño coas que representaron diversas obras durante varios anos. En 2022, deciden montar un grupo de teatro amador: Noitebras Teatro.
A súa experiencia escénica compleméntase coa autoría, montaxe e representación de varias pezas dramáticas propias: “Busco Muller” 2022, “Noitebras” 2023 e “Mentalmorbose” 2024.
“Retablo do Esperpento” estreouse na Coruña en abril de 2026. Como parte da xira de 2026, chega agora ao Concello de Nigrán.
