Master-class Nigránjazz a cargo de ‘Alto for two’
FOLLETO DE INSCRICIÓN
O CONCELLO DE NIGRÁN OFRECE O VENRES 26 A TRADICIONAL MASTER-CLASS DO NIGRANJAZZ A CARGO DO QUINTETO
‘ALTO FOR TWO’
Terá lugar no Auditorio Municipal ás 12:00 horas e é preciso inscribirse previamente. O grupo de renome internacional está liderado polas saxofonistas Kika Spranger e Irene Reig
Nigrán, 18.07.24.- Coma cada ano, desde xa hai dezaoito, o Concello de Nigrán ofrece a través do Nigranjazz unha masterclass conducida por un dos artistas principais do festival. Este ano será o venres 26 de xullo de 12:00 a 14:00 horas no Auditorio Municipal e encargaranse de impartir a clase o quinteto ‘Alto For Two’, formado por cinco dos máis brillantes músicos novos do continente europeo. A saxofonista holandesa Kika Spranger e a española Irene Reig comandan este grupo que se completa con Xavi Torres, excepcional pianista catalán, Thomas Pol no contrabaixo e Jamie Peet na batería. Todos eles, a pesares da súa curta idade contan cun curriculum realmente abraiante.
Os asistentes poden participar activamente ou coma ouvintes, dependendo do seu nivel, estando dirixida a clase a músicos xa iniciados ou avanzados de Jazz pero tamén é unha oportunidade para instrumentistas da máis diversa procedencia e para os máis novos de comprender como funciona esta música tan especial.
O custo da Masterclass será de 15€ e os alumnos do Conservatorio Mayeusis, patrocinador da Masterclass, terán un prezo reducido de 10€.
A inscrición poderá facerse persoalmente en Mayeusis Vigo (Rúa Areal, 118), enviando un correo electrónico adxuntando o formulario de inscripción (dispoñible en www.nigran.org) cuberto a info@mayeusis.com ou por teléfono no 986 22 63 78.