‘Marcho que teño que marchar’, Bea Campos
O espectáculo ‘Marcho que teño que marchar’ é unha divertida sesión de contos para adultos e tamén un espazo para a reflexión sobre os roles e as desigualdades de xénero, as herdanzas culturais e as tradicións familiares. Un cesto trenzado con historias protagonizadas por mulleres que eran feministas sen sabelo: desde meigas artúricas ata avoas misteriosas. Nun escenario convertido na casa familiar, Bea Campos relata segredos sobre a súa familia mentres cociña, bebe e traballa entre cancións, coplas e conxuros. A súa protagonista, Bea Campos, é actriz, narradora e directora teatral licenciada en arte dramático pola ESAD de Galicia, onde recibiu o premio de interpretación Marta Sieiro. Desde moi nova comezou a contar contos e atesoura unha longa traxectoria sobre o escenario, incluíndo a participación en festivais de Sudamérica.
