Leni Pérez & Roberto Comesaña ‘De Ramo en Ramo’
O CONCELLO DE NIGRÁN OFRECE ESTE LUNS NO ESTEIRO DE A FOZ O CONCERTO DE LENI PÉREZ E ROBERTO COMESAÑA ‘DE RAMO EN RAMO’
Trátase do primeiro disco conxunto do acordeonista de Priegue (gañador dun Grammy no 2016 con Cristina Pato) e da intérprete e folclorista Leni Pérez
Neste concerto, darán a coñecer ao público asistente un repertorio tradicional protagonizado pola voz, pandeiro e acordeón no que se porá en valor á figura de muller
Nigrán, 04/08/23.- O Concello de Nigrán, dentro da súa programación de verán, ofrece este luns 7 de Agosto ás 20:00 horas no escenario ao aire libre do esteiro de A Foz o concerto de Roberto Comesaña e Leni Pérez ‘De Ramo en Ramo’, título do seu primeiro disco conxunto. O reputado acordeonista de Priegue, gañador dun Grammy no 2016 con Cristina Pato, Ángel Pintos e Davide Salvado, une o seu talento ao da recompiladora, intérprete e folclorista Leni Pérez, moi coñecida pola súa intervención durante anos na TVG como especialista en folclore ou pola súa participación en grupos como Os Escaravellos ou Pelica de Can. Neste concerto, darán a coñecer ao público asistente un repertorio tradicional protagonizado pola voz, pandeiro e acordeón no que se porá en valor á figura de muller.
‘De ramo en ramo’
“De ramo en ramo” ve a luz a finais do 2022 despois de ofrecer unha serie de concertos xuntos no ano 2020. Os asistentes poderán gozar dunha escolma de cantares de tradición oral, tanto portugueses coma galegos. Cantares de berce, nadal, xotas, muiñeiras, pasodobres… melodías e letras herdadas de mulleres que gardaron na súa memoria o legado da nosa tradición oral. No concerto achégase unha visión actualizada deses cantares, cunha proposta músical que parte do respecto pola tradición achegándoa aos nosos días.