ESPECTÁCULO CIRCENSE ‘LA NUEVA AVENTURA DE OCEÁNIKA’ ATA O 7 DE SETEMBRO
O CONCELLO DE NIGRÁN ACOLLE EN PRAIA AMÉRICA O ESPECTÁCULO CIRCENSE ‘LA NUEVA AVENTURA DE OCEÁNIKA’
A compañía Evolution Circus estará no campo de fútbol de Lourido (Praia América) do 13 de agosto ao 7 de setembro con funcións diarias ás 20:30 agás o descanso de domingo e luns
Máis dunha vintena de artistas desenvolverán un show cheo de música, teatro, acrobacias e malabares baixo unha potente mensaxe en defensa dos oceános
Nigrán, 12/08/24.- Como cada verán, o circo de calidade desembarca en Praia América para o goce das familias. O alcalde de Nigrán, Juan González, e as concelleiras de Educación e Festas, Estela Pérez e Cristina Dosil respectivamente, acudiron este mediodía xunto ao presidente da Comisión de Festas, Evaristo Blach, á presentación do novo espectáculo de Evolution Circus no municipio: ‘La nueva aventura de Oceánika- el tesoro de Poseidón’. A gran carpa estará instalada no campo de fútbol de Lourido ata o 7 de setembro levando a cabo unha función diaria ás 20:30 horas (agás os domingos e luns, que descansan). As entradas xa están á venda a través de https://ticketrona.com/ con desconto por venda anticipada ou directamente en taquilla unha hora antes de cada representación. Trátase dun espectáculo para toda a familia de 2 horas de duración (con intermedio de 15 minutos) onde ao compoñente artístico, musical e teatral levados a diante por 25 profesionais súmase unha potente mensaxe de sensibilización sobre a contaminación dos océanos.
A nova aventura de Oceanika mestura unha historia real coa ficción. No espectáculo Tragaldabas e Pik buscarán o ‘Tesouro de Poseidón’. Dous personaxes moi diferentes que se terán que enfrontar a moitos problemas nesta aventura. A estes dous personaxes acompáñaos un narrador que guiará ao publico e que alertará aos protagonistas dos seus erros. Increibles acrobacias no aro aéreo, antipodismo, maxia, contorsionismo, rede aérea ou malabares son algúns dos números nos que nunca faltarán as risas entremedias grazas a Pik.