Actos VII Aniversario dos incendios
CONCELLO DE NIGRÁN E COMUNIDADES DE MONTES CONMEMORAN O SÉPTIMO ANIVERSARIO DOS INCENDIOS CON DIFERENTES ACTOS ESTE DOMINGO
A xornada desenvolverase durante toda a mañá e incluirá a plantación de árbores nas principais entradas ao parque forestal en Camos e Chandebrito, un obradoiro e entrega de recoñecementos
Nigrán, 10/10/24.- Concello de Nigrán, Comunidade de Montes de Chandebrito e de Camos conmemoran este domingo 13 de outubro en sendas parroquias o ‘VII Aniversario dos Incendios’ con diferentes actos abertos á participación da veciñanza durante toda a mañá que rematarán con choripáns e viño nas Rozadas. A xornada comezará ás 11:30 horas ao carón do cemiterio de Camos para desprazarse desde alí á principal entrada do parque forestal nesta parroquia, aquí plantaranse 15 árbores autóctonas e, desde ese punto, realizarase unha andaina ata a outra entrada en Chandebrito (Rozadas) para plantar outros 15 (madroño, pradairo, sobreira, carballo, bidueira e arces). Nesta mesma área, a partir das 13:00 horas, Árbore Arqueoloxía realizará un obradoiro para as crianzas de fabricación de xabalinas e colgantes e, a partir das 13:30 horas, serviranse chouripáns e viño para os asistentes. Durante a mañá farase un recoñecemento especial ás comunidades de montes de Camos e Chandebrito, xa que cederon as 42 hectáreas para realizar o parque forestal, aos centros educativos colaboradores, aos axentes medioambientais de Medio Rural (distrito XVIII) que sempre participan nas diferentes accións nesta contorna e a Jesús Pereira Valverde, veciño de Camos que axuda sempre altruistamente no mantemento e benestar.