Presentación último libro de Carlos Méixome
O CONCELLO DE NIGRÁN OFRECE ESTE VENRES A PRESENTACIÓN DO DERRADEIRO LIBRO DE CARLOS MÉIXOME: ‘O TERROR NAS TEBRAS
E OUTRAS CATAS NA MEMORIA’
O traballo recompila datos sobre persoas asasinadas na comarca e analiza o funcionamento da Falanxe da Ramallosa, ademais de analizar o movemento memorialista das últimas dúas décadas
Durante o acto terá lugar a actuación de Braava Band e, ademais de analizar o libro, falarase de memoria e Historia, da Ramallosa, Panxón…
Nigrán 19/04/22.- O Concello de Nigrán ofrece este venres 22 de abril ás 20:00 horas no Auditorio Municipal a presentación do derradeiro libro de Carlos Méixome ‘O terror nas Tebras e outras catas na memoria’ (Edicións Laiovento, 2022). Durante o acto terá lugar a actuación do grupo musical Braava Band e, ademais, servirá tamén para falar de memoria, Historia, da Ramallosa, Panxón e do Val Miñor.
Neste novo libro, ademais de abrir o foco a concellos lindeiros (Tomiño, Oia, Mos) non deixa de centrarse no Miñor, tanto recuperando datos sobre persoas da comarca asasinadas no territorio como, sobre todo, analizando o movemento memorialista das últimas dúas décadas na comarca e realizando unha cata fonda sobre a fundación e o funcionamento da denominada Falange da Ramallosa, que en realidade o era de todo o Concello de Nigrán, de parte do de Baiona e dalgunhas parroquias de Gondomar, polo que se converte na milicia que controla na práctica toda a zona.
“Teño o honor de poder estar acompañado polo alcalde, amigo e historiador, ademais de pioneiro do movemento memorialista, Juan González, así como polo amigo e veciño da Ramallosa, José Pintado Valverde, investigador de departamento de Ecoloxía e Recursos Mariños do Instituto de Investigacións Marinas e tamén por Alba Costas Lorenzo, antiga alumna do IES Escolas Proval, mestra no Colexio de Mallón, familiar de represaliados polo franquismo e ademais voz do grupo musical Braava Band, que nos agasallaran con media ducia de pezas musicais interpretadas con todo o seu saber facer e sensibilidade”, resume Méixome sobre esta presentación.
Afincando desde hai anos no Val Miñor, Méixome naceu en Lalín pero pronto foi para O Carballiño. Estudou Filosofía e Ciencias da Educación na Universidade de Santiago de Compostela. Foi profesor de Xeografía e Historia en centros da comarca de Vigo e o Val Miñor. En 1999 participou na fundación do Instituto de Estudos Miñoranos, do que foi director ata o 2015. Colaborou co Instituto Galego de Análise e Documentación (IGADI) e desde o 2005 leva unha boa actividade memorialística sobre a persecución franquista no Val Miñor e no sur da provincia de Pontevedra.