O Concello de Nigrán informa da apertura do prazo para presentar as ofertas para as obras de mellora da seguridade viaria na Rúa Rans, unha actuación que se executará a partir do proxecto elaborado pola enxeñeira municipal e que será financiada na súa totalidade a través dunha subvención da Deputación de Pontevedra de 268.336 euros.
A data límite para a presentación das ofertas finalizará o vindeiro martes 16 de decembro, 26 días naturais a contar desde hoxe, tras a súa publicación no Boletín Oficial de Pontevedra (BOP). A adxudicación da obra realizarase por concurso, a través dun procedemento de contratación aberto.
O proxecto, cun período de execución estimado de seis meses, ten como obxectivo optimizar a seguridade do viario e peonil desta rúa, que se atopa nun estado precario e de abandono, “Este goberno dá resposta a unha demanda histórica dos veciños, que levan máis de 20 anos reclamando a actuación pero cuxa solicitude foi ignorada polos responsables políticos en anteriores mandatos”, sinala o alcalde, Alberto Valverde.
As obras, que tamén teñen como finalidade mellorar a imaxe dunha arteria de comunicación moi transitada tanto na época estival como no resto do ano, consistirán no asfaltado e repintado da calzada, a ampliación e mellora das beirarrúas, a recolocación da iluminación pública e a creación de 70 prazas de aparcadoiro en batería. Así mesmo, procederase á construción dunha rede de pluviais para a recollida das augas da choiva e á instalación dunha nova rede de abastecemento de auga.