O Concello de Nigrán abre as inscricións para o segundo maratón de artefactos flotantes sen motor Flotacomopoidas, organizado en colaboración de COEMSA, OVALMI, a Asociación Marisma da Ramallosa e o Club Piragüismo Val Miñor. A travesía terá lugar entre a ponte da Ramallosa e a praia de A Ladeira o domingo 24 de agosto ás 17.30 horas.
O obxectivo deste encontro non é outro que o de gozar dunha xornada deportiva e divertida en familia ou con amigos. Nesta particular travesía o baremo que rexe non é a velocidade na súa realización senón a orixinalidade, creatividade e bo ambiente das tripulacións participantes, así como dos artefactos flotantes elixidos para a ocasión.
Así, os interesados en participar deberán deixar voar a súa imaxinación tanto para a posta en escena do percorrido como para o deseño do seu artefacto flotante, aínda que tamén se admiten embarcacións tradicionais ou calquera elemento que se manteña á boia na auga.
As inscricións permanecerán abertas até o 20 de agosto, e poderán formalizarse a través da páxina Web www.sabarisonline.com. Máis información no teléfono 676904007.