Abertas as inscricións para a III Carreira Popular pola praia Nigrán Area

As praias de Panxón e Praia América albergarán o vindeiro domingo 11 de agosto unha nova edición da Carreira Popular pola praia Nigrán Area, un dos eventos deportivos máis esperados do verán, organizado pola Sociedade Atlética Val Miñor e o Concello de Nigrán, en colaboración coa Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia.

Do mesmo xeito que o ano pasado, a terceira edición da carreira comezará ás 11.00 horas, coas categorías cadetes, infantís e benxamíns. Ás 12.00 horas comezará a carreira na categoría absoluta, e tras a súa finalización será a quenda dos prebenxamíns e pitufos.

Os participantes na categoría absoluta deberán percorrer unha distancia total de 6.000 metros sobre unha superficie eminentemente plana de area mollada; os cadetes 2.000, os infantís 1.500, os alevíns 1.000; os benxamines 500, os pre-benxamíns 300 e os pitufos ou chupetes 100 metros.

A participación na III Carreira Popular pola praia Nigrán Area está aberta a todos os públicos e de todas as idades, federados ou non federados. As inscricións para as categorías absoluta, xuvenís e veteranos teñen un prezo de 5 euros por persoa, e deberán formalizarse antes do mércores 7 de agosto ás 20.00 horas, a través da páxina Web da Federación Galega de Atletismo www.fgatletismo.es, na Piscina Mancomunada do Val Miñor e na tenda deportiva Atlhetics Sports, na Avenida de Balaídos, 41.

As inscricións para o resto de categorías serán gratuítas, e poderán formalizarse a través do correo electrónico savalminor@hotmail.com ou na Oficina de Turismo Dunas de Gaifar, en Panxón, no teléfono 986 36 87 34 ou no email oficinaturismo@nigran.org.