Os amantes do ciclismo teñen o domingo 10 de novembro unha cita co deporte coa celebración da VIII Marcha BTT Concello de Nigrán. A proba deportiva, organizada pola Pena Ciclista Val Miñor en colaboración co Concello de Nigrán, está dirixida a todos os ciclistas maiores de 16 anos que dispoñan de licenza federativa. No entanto, o non federados tamén poderán participar na marcha, xa que a organización realizará os trámites necesarios para obter a licenza por un día.
O punto de partida será unha vez máis o Pavillón Municipal de Deportes de Panxón ás 9.00 horas. Tras o éxito da pasada edición, que contou con máis de 400 ciclistas, a organización mantén a dificultade do percorrido –media/alta-, cun trazado final dun 40 km. por rutas forestais e viarias de todo o municipio.
Os interesados en participar poderán inscribirse até o xoves 7 de novembro cubrindo un formulario de preinscrición que se pode descargar da páxina web do club, www.nigranbtt.com, e enviándoo xunto co xustificante do ingreso ao correo electrónico inscripciones@nigranbtt.com, debendo tamén presentar copia do ingreso o día da marcha.
“A marcha BTT Concello de Nigrán é ante todo unha marcha de amigos, onde o único realmente importante é participar e gozar dunha paisaxe única que fusiona o mar coa montaña, para practicar un deporte –mountain bike-, que esixe tamén esforzo, habilidade, capacidade de superación e respecto á natureza”, explica o rexedor municipal, Alberto Valverde.
Ruta de sendeirismo
Ademais, a concellaría de Turismo, Cultura e Deportes do Concello de Nigrán organiza de forma paralela unha saída de sendeirismo con guía pola ruta de “A Praia dos Afogados”, que percorre as principais localizacións nas que traballou o detective da novela homónima de Domingo Villar, e partirá ás 9.30 horas desde o Pavillón Municipal de Deportes de Panxón.