A terceira edición do festival Novo Circo congregará a 18 artistas de distintos puntos da península

O festival Novo Circo chega por terceiro ano consecutivo a Nigrán, nunha edición que contará coa participación duns 18 artistas procedentes de distintos puntos da península, como Valencia, Murcia, Valladolid, Madrid, Santiago de Compostela, Vigo e Nigrán. Ao longo do fin de semana, locais e visitantes poderán gozar de forma gratuita de actuacións de malabares, acrobacias, pallasos, clowns e números aéreos con trapecio e aro, aptas para todo tipo de público.

En total, tres espectáculos ao longo do fin de semana e a Gran Gala do sábado en Campo das Redes a partir das 23.00 horas, coa participación de artistas e compañías de gran nivel, que garanten unha fascinante noite de maxia e diversión.

Máis concretamente, o venres a partir das 20.00 horas no Paseo de Panxón actuará a Familia Romanesku, da Finistre Nou Circ. O sábado á mesma hora pero no parque infantil de Praia América será a quenda do Chou, de Cirquito Producciones, un dúo de malabares, música e acrobacias que levarán o escenario de humor e sorpresas. O domingo actuará Cair, a partir das 20.30 horas no Paseo de Panxón. Un grupo de catro personaxes que representarán unha dramaturxia non lineal centrada en caídas caóticas e acrobacias imposibles, que cada persoa gozará e interpretará dunha forma única.

A Gran Gala
A Gran Gala do Novo Circo, que terá lugar o sábado a partir das 23.00 horas en Campo das Redes, contará nesta edición con cinco actuacións e o omnipresente presentador da gala, Pajarito. O número cómico de dous payasas aéreas, Patricia Pardo e Olga Osuna, nun trapecio dobre; Julia Sáez e os seus lazos, nunha perfecta combinación de elasticidade, forza e harmonía; o clown Illa Letriska, Aitor Garuz, de Santiago de Compostela; e Alberson cos seus malabares, recentemente chegado de Valencia.

O festival
Desde os seus inicios, o Novo Circo, organizado por La Bella Tour para o Concello de Nigrán, sempre apostou polo novo circo galego, tratando de que, tanto o elenco artístico como os técnicos de luz e son, fosen na maior parte de Galicia. Ademais, en cada edición incorpórase á programación compañías procedentes doutros puntos da península, como Los Hermanos Infocundibles, de Andalucía, presentes na pasada edición, ou La Familia Romanesku, de Valencia, que actuarán este ano en Nigrán.

O obxectivo deste evento é que tanto a xente de Nigrán e arredores como os turistas poidan gozar dunha mostra do que se están facendo no circo tanto a nivel autonómico como nacional. A pesar de ser un festival pequeno, unha vez ao ano a xente pode ver de forma gratuíta nas rúas do municipio actuacións de gran calidade.

“Desde o concello de Nigrán apostamos pola celebración de eventos culturais destas características, a pesar dos reaxustes que estamos a sufrir, o festival Novo Circo non só mantense, senón que crece ano a ano tanto na calidade das actuacións como no número de compañías e artistas participantes”, sinala o rexedor municipal, Alberto Valverde.