A senda litoral que conecta o areal de Panxón coa Ramallosa obtén por segundo ano consecutivo o distintivo ambiental de AEDAC „Sendeiro Azul“, recoñecemento que se suma ás dúas bandeiras azuis dos areais de Praia América e Patos, „e que pon en valor unha vez máis unha contorna de inigualable valor medio ambiental e paisaxístico, como son os espazos protexidos por entre os que discorre o carreiro, o Estuario da Foz e as dunas de Praia América e Panxón“, engade o alcalde de Nigrán, Alberto Valverde.
Esta iniciativa, posta en marcha por AEDAC coa colaboración da Fundación Biodiversidade, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, ten como principal obxectivo promover o desenvolvemento sustentable das zonas litorais mediante o cumprimento duns criterios de calidade que garantan a preservación e mellora das condicións ambientais existentes; a seguridade e facilidade de uso para os visitantes, e unha xestión integrada e coherente dos valores naturais, históricos, culturais e etnográficos que conforman o noso patrimonio litoral.
Na súa primeira convocatoria, a campaña contou coa participación de doce concellos que „do mesmo xeito que Nigrán, realizan un gran esforzo por recuperar antigas sendas e camiños naturais, adaptando os seus trazados e transformándoos en valiosos recursos para a realización de actividades recreativas, deportivas, turísticas e de educación ambiental“, observa o rexedor municipal.
Tras o obxectivo prioritario desta iniciativa escóndese a vontade de conformar unha ampla rede de carreiros litorais educativos que cren un sólido nexo de unión entre municipios veciños, reforzando a cooperación e non a competencia entre eles. „Os Sendeiros Azuis foron concibidos como recursos útiles para fomentar o uso e a xestión sustentable do medio litoral e a súa contorna, mediante a cooperación e a retroalimentación entre o sector turístico e o ambiental, e o noso obxectivo é consolidar este distintivo de calidade como un galardón tan recoñecido e valorado como o é a Bandeira Azul para as praias“, conclúe Valverde.