A primeira edición do Tríatlon Medio Ironman Desafío Illas Cíes congregará a 500 deportistas de toda a península

A primeira edición do Tríatlon Medio Ironman Desafío Islas Cíes disputarase o vindeiro domingo cun éxito absoluto de participación. As 500 prazas ofertadas pola organización desde o pasado mes de xaneiro cubríronse, quedando en lista de espera máis de 250 persoas. Aínda que o 80% dos inscritos son galegos, os 100 participantes restantes proceden de diversos puntos da península, mesmo das Illas Baleares.

O evento presentouse hoxe na sede de Coca Cola na Avda. de Madrid, nun acto que contou coa participación de María Troncoso, Responsable de Relacións Externas de Coca Cola, Ricardo Martínez, organizador do evento, José María de Rodrigo, xerente de Celta Motor, Alberto Valverde, alcalde de Nigrán, Liliana Silva, concelleira de Turismo, Cultura e Deporte de Nigrán, e Manel Fernández, concelleiro de Deporte de Vigo.

Este tríatlon, organizado pola Asociación Deportiva Augas Abertas de Galicia –tamén responsables do Desafío Islas Cíes a nado- é o único Medio Ironman que se celebra en Galicia. O medio milleiro de participantes, apoiados por máis de 200 voluntarios e a colaboración de Protección Civil, Policía Local e Garda Civil de Vigo e de Nigrán, realizarán as distancias habituais dunha competición destas características: 1,9 quilómetros nadando, 90 en bicicleta e 21 correndo.

A organización sinala o enclave xeográfico e paisaxístico, así como as características da súa orografía, como claves á hora de definir a localización desta proba deportiva. Neste sentido, o rexedor municipal subliñou a beleza natural e paisaxística da zona, “especialmente do percorrido en bicicleta, sen ningunha dúbida un aliciente máis para participar neste evento deportivo único en Galicia”.

Na primeira etapa, a de natación, os participantes deberán percorrer 1,9 km. na contorna da praia do Vao. Ao finalizar, quitaranse o neopreno e recollerán as bicicletas fronte ás ruínas da Illa de Toralla, desde onde percorrerán 90 km. en bicicleta nun circuíto pechado pola PO-325 entre o Vao e A Ramallosa, cun punto de avituallamiento no quilómetro 11, de 4 voltas. O último tramo da proba será unha carreira a pé de 21 km, trazando un percorrido tamén pechado na contorna do Vao e Samil con dous puntos de avituallamiento quilómetro 1 e quilómetro 2,5-.

Corte da PO-325
Con motivo da celebración desta competición, o Concello de Nigrán informa que entre as 8.30 e as 13.30 horas a estrada PO-325 permanecerá cortada ao tráfico. Para non dificultar o desprazamento entre a zona de praias e o resto do municipio, a Policía Local habilitará dous puntos de cruzamento, un na rotonda da Avda. Castelao e outro no cruzamento da Foz.