O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, a concelleira de Turismo, Cultura e Deportes do Concello de Nigrán, Liliana Silva, clausuran a Ludoteca de Nadal, unha actividade que rompeu todas as expectativas, ao pechar a súa primeira edición cunha participación superior aos 600 nenos e nenas do municipio.
Esta iniciativa foi posta en marcha polo goberno local nestas festas co dobre obxectivo de axudar a conciliar a vida laboral e familia e dinamizar as compras no comercio local, ao facilitar aos pais un espazo onde deixar aos seus fillos ben coidados mentres ultiman con tranquilidade os últimos detalles das compras do Nadal.
O rexedor municipal agradeceu a confianza depositada polas familias de Nigrán, e subliñou o carácter pioneiro desta iniciativa en Nigrán, destacando que é a primeira vez que Nigrán pon en marcha unha ludoteca de acceso libre e gratuíto para todos os nenos e nenas de infantil e primaria, sen necesidade de reserva previa de praza e con custo cero para as familias.
Éxito rotundo
O éxito desta iniciativa superou todas as expectativas expostas tanto desde o goberno municipal como por parte da empresa de animación e tempo libre responsable da ludoteca. “A ludoteca de Nadal rexistrou na súa primeira edición a participación de máis de 600 nenos e nenas de Nigrán no oito días laborables que permaneceu aberta, o que supón unha media diaria superior aos 70”, sinalou o rexedor.
Estas cifras de participación, así como a magnífica acollida por parte dos pais e nais dos pequenos, recollida a través dunha enquisa de valoración, permite adiantar ao goberno municipal que valorará a posta en marcha de iniciativas similares en datas sinaladas, como Semana Santa, Entroidos, verán, etc.