O goberno municipal presentou hoxe a oferta cultural, deportiva e de lecer para este verán, unha programación que, a pesar de deseñarse sobre un orzamento prorrogado, logra manter os grandes eventos xa arraigados no municipio. Entre eles, e por orde cronolóxica, destacan a IV Travesía a nado Costa Serena e o festival PortAmérica Rías Baixas, sobre os que falaron hoxe os seus organizadores, Beatriz Alvariño e Carlos Rodríguez, acompañados polo alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, e a concelleira de Turismo, Cultura e Deporte, Liliana Silva.
A cuarta edición da Travesía a Nado Costa Serena baterá todas as súas marcas de participación con máis de 250 inscritos, e consolídase como unha das travesías de longa distancia por excelencia de Galicia e con maior afluencia de nadadores da Comunidade Autónoma. A proba, organizada polo club deportivo Tumetapersonal en colaboración co Concello de Nigrán e a Deputación de Pontevedra, terá lugar o próximo 13 de xullo en Praia América.
A data de hoxe, o club Tumetapersonal conta con máis de 230 participantes inscritos procedentes de Galicia e norte de Portugal, o que permite asegurar á organización que “esta cuarta edición da travesía será un éxito rotundo. Queremos agradecer a todos os colaboradores o seu apoio na proba, son importantísimos para o club, e esperamos compensarlles cunha travesía perfecta. Para o club, esta edición supón un gran esforzo polo aumento da participación e un incremento nas medidas de seguridade e sinalización dos percorridos”, explicou a súa organizadora, Beatriz Alvariño.
A travesía consta de dúas probas, ambas as cronometrados por Championchip Norte. O percorrido longo, que contará cunha participación superior aos 200 nadadores, consistirá nun triángulo de 4 quilómetros de distancia con saída e chegada nas inmediacións do posto de Protección Civil de Panxón. Os nadadores deberán bordear a baliza de Cabezo de San Juan, situada aproximadamente a 1,5 quilómetros de distancia, regresar cara á costa polo lado sur da praia e percorrer o último quilómetro en paralelo ao areal. Como novidade, a organización colocará dous globos de helio de cor laranxa de gran tamaño nos puntos de xiro para facilitar a orientación dos nadadores.
A proba curta, cun percorrido de 800 metros, disputarase en paralelo á costa e contará cunha numerosa participación de bañistas e afeccionados á práctica deste deporte. A saída estará situada na canle principal de entrada e saída das embarcacións e a chegada será no mesmo punto que a proba longa, á beira do posto de Protección Civil de Panxón.
A competición de 4.000 metros comezará ás 11:30 horas, mentres que a de 800 metros arrincará ás 11:45 horas. No mar, colocaranse boias de sinalización do percorrido e haberá kaiaks, motos de auga e embarcacións de Protección Civil seguindo a proba.
A zona de concentración dos nadadores será na Praia Club Nigrán, á beira das instalacións deportivas Dunas Gaifar, a partir das 09:30 horas.
Inscricións abertas
Aqueles interesados en participar na travesía aínda poden inscribirse até o día 7 de xullo na páxina web www.travesiaanadocostaserena.es/inscripciones ou ben directamente no correo electrónico inscripciones@travesiaanadocostaserena.es. No e-mail, deberán indicar o nome e apelidos, DNI, data de nacemento, teléfono de contacto, percorrido escollido e talla da camiseta (S, M, L, XL). A idade mínima para participar é de 16 anos.
O prezo da inscrición é de 10 euros e inclúe: participación na travesía, camiseta conmemorativa e gorro, cronometraxe electrónica, servizo de avituallamiento, asistencia médica, trofeo ao tres primeiros clasificados de cada categoría das dúas probas, un aperitivo na Praia Club Nigrán e sorteo de material deportivo.
PortAmérica Rías Baixas 2014
O festival PortAmérica Rías Baixas chega á súa terceira edición cun cartel formado por 29 grupos nacionais e internacionais, nove máis que na súa edición anterior, entre os que destacan artistas de renome como Andrés Calamaro, Vetusta Morla, Love of Lesbian, Calexico ou Calle 13, entre moitos outros. O showrocking showcooking patrocinado por Estrella Galicia segue tamén crecendo, da man do festival, coa participación de 12 chefs do panorama nacional e internacional.
Ademais da acampada, a organización ofrece como novidades a habilitación de liñas de autobuses lineais na área metropolitana e circulares na comarca, así como importantes descontos en billetes de avión e tren, co fin de favorecer a afluencia de xente ao festival de fóra de Galicia.
Na súa intervención, o rexedor municipal destacou o impacto socioeconómico que ten para o municipio contar cun festival da talla de PortAmérica Rías Baixas na súa oferta estival. “Desde o punto de vista do emprego, o festival xera de máis de 500 postos de traballo directos e indirectos, vinte deles para veciños de Nigrán”, sinalou.
Desde o punto de vista económico e turístico, as repercusións son aínda maiores, cun retorno económico en 2013 que a organización cuantifica en máis de 3 millóns de euros. A afluencia de público, máis de 19.000 persoas na anterior edición, é tamén un auténtico aliciente para seguir apoiando un festival que en só tres anos é referente a nivel nacional e internacional, “xa que en cinco días atrae a Nigrán ao equivalente á súa poboación, co impacto económico que iso xera na actividade turística, hostaleira e comercial do municipio e da comarca”, subliñou.
Outras grandes citas
Máis aló destes dous grandes eventos que se celebrarán no mes de xullo, o goberno municipal presentou unha programación que prioriza as actividades culturais, deportivas e de lecer para o público infantil, entre as que destacan actuacións infantís itinerantes, o cinema na rúa ou a instalación de inchables acuáticos na contorna de Panxón, entre outras.
Así mesmo, conseguiu manter outras actividades e eventos xa arraigados na oferta estival, como é a feira de artesanía en Praia América, a campaña Descobre Nigrán -en sendeirismo, con visitas guiadas polos pazos e en padle surf-, a carreira popular pola praia Nigrán Area, o Nigrán Jazz, o Novo Circo e o Festival Aéreo, “citas ineludibles tanto para locais como para visitantes que chegarán ao noso municipio o próximo mes de agosto”, lembrou a concelleira de Turismo, Cultura e Deporte, Liliana Silva.
Como novidade, a concelleira avanzou que o recoñecido e aplaudido circo La fiesta escénica aterrará en Nigrán, tamén o próximo mes de agosto, e instalarase no Campo de Fútbol de Montelourido entre os días 1 e 17 do devandito mes.
A instalación deportiva Nigrán Area é a gran damnificada deste verán, xa que o goberno municipal viuse obrigado a cancelala como consecuencia de estar a traballar a día de hoxe cun orzamento prorrogado. Neste sentido, o rexedor municipal lamentou a perda desta actividade, que ofrecía durante seis semanas seguidas actividades deportivas e de lecer para todos os públicos.
Así mesmo, Valverde subliñou o importante labor dos centros culturais, veciñais e deportivos do municipio, “un traballo que desde o concello agradecemos xa que, como todos os anos, permítenos complementar a programación estival, e un esforzo especialmente importante este ano, xa que debido á non aprobación do orzamento, o concello non poderá ofrecerlles as liñas de subvencións que contemplaba a proposta do goberno municipal”.