A IV edición da travesía a nado Costa reunirá a preto de 350 nadadores do noroeste peninsular

Un total de 342 nadadores (265 homes e 75 mulleres) participarán na IV edición da travesía a nado Costa Serena, que se celebrará este domingo 13 de xullo en Praia América. Con esta cifra, a proba baterá este ano todas as súas marcas de participación e consolídase como unha das travesías de longa distancia con maior afluencia de nadadores da Comunidade Autónoma.

A competición, organizada polo club deportivo Tumetapersonal en colaboración co Concello de Nigrán e a Deputación de Pontevedra, contará coa presenza de nadadores procedentes de toda Galicia, Asturias e Portugal con idades comprendidas entre os 16 e 70 anos.

O club deportivo Tumetapersonal retomou este ano a organización da travesía a nado Costa Serena, que deixou de celebrarse en 2012. A competición conta tamén coa colaboración de Area, Powerade, Froitas Sol, Nutrisport, Nutriexper, Praia Club Nigrán, Pereira, Frigo, Moves Time, Clubnatacion.com, Ciclos Boyer Vigo, Umana Enxeñaría, Bessgé Aseguradora, a Federación Galega de Motonáutica, Arrepions e Rosquillas Cristaleiro.

A travesía consta de dúas probas, ambas cronometrados por Championchip Norte. O percorrido longo, que contará cunha participación de 272 nadadores (227 homes e 45 mulleres), consistirá nun triángulo de 4 quilómetros de distancia con saída e chegada nas inmediacións do posto de Protección Civil de Panxón.

Os nadadores deberán bordear a baliza de Cabezo de San Juan, situada aproximadamente a 1,5 quilómetros de distancia, regresar cara á costa polo lado sur da praia e percorrer o último quilómetro en paralelo ao areal. Como novidade, a organización colocará dous globos de helio de cor laranxa de gran tamaño nos puntos de xiro para facilitar a orientación dos nadadores.

Participantes de renome
Entre os participantes que nadarán nesta proba destacan os irmáns lusos Hugo e Soraia Ribeiro e a campiona do mundo de paraduatlón en dúas ocasións, a viguesa Susana Rodríguez Gacio, que participará na travesía antes de tentar revalidar o título mundial o próximo 29 de agosto en Canadá. Tamén está confirmada a presenza do campión absoluto da última edición da travesía, Roque Oca Pernas, que se impuxo cun tempo de 51 minutos e 5 segundos, e do pamplonés Peio Ormazábal, que tentará cruzar a nado os 40 quilómetros que separan Mallorca de Menorca o próximo 23 de xullo para recadar fondos contra a leucemia infantil. O pasado ano, Ormazábal cruzou o Estreito de Xibraltar (18,8 km).

A proba curta, cun percorrido de 800 metros, disputarase en paralelo á costa e contará cun total de 70 participantes (40 homes e 30 mulleres). Moitos deles, iniciaranse na competición de augas abertas nesta travesía. A saída estará situada na canle principal de entrada e saída das embarcacións e a chegada será no mesmo punto que a proba longa, á beira do posto de Protección Civil de Panxón.

A competición de 4.000 metros comezará ás 11.30 horas, mentres que a de 800 metros arrincará ás 11.45 horas. No mar, colocaranse boias de sinalización do percorrido e haberá kaiaks, motos de auga e embarcacións de Protección Civil seguindo e controlando a proba.

A zona de concentración dos nadadores será na Praia Club Nigrán, á beira das instalacións deportivas Dunas Gaifar, a partir das 9.30 horas.

En total, entregaranse 14 premios, ao tres primeiros clasificados -tanto na categoría masculina como feminina- das dúas probas (4.000 metros e 800 metros), ademais dos trofeos especiais ao nadador máis novo e ao máis veterano.

Tras finalizar a travesía, todos os participantes poderán gozar dunha paella grazas á colaboración da Praia Club Nigrán, e ademais celebrarase un sorteo de material deportivo entre todos os nadadores.