A instalación do novo sistema de duchas permite un aforro de auga nas praias dun 49%

Finalizada a tempada estival, o goberno municipal fai balance da instalación do sistema de control intelixente do consumo de auga nas praias. O resultado non pode ser máis positivo, xa que a posta en marcha deste sistema, pioneiro en Galicia, nos areais de Panxón permitiu un aforro de auga dun 49%, “porcentaxe moi próxima ao máximo rendemento do mesmo, estipulado nun 60%”, sinala o rexedor municipal, Alberto Valverde.

No terceiro trimestre de 2012, período coincidente cos meses de verán, as duchas e lavapies dos areais de Nigrán rexistraron un consumo de 4.076 metros cúbicos de auga. No mesmo período de 2013, a cifra reduciuse nun 49%, até os 2.087 metros cúbicos. “O resultado obtido é máis que satisfactorio para os obxectivos ambientais expostos, xa que rebaixamos o consumo dun recurso natural tan prezado como a auga case á metade, polo que o obxectivo da instalación desta medida ambiental cumpriuse”, sinala Valverde.

Así mesmo, sondaxes realizadas a pé de praia a través da campaña Nigrán Non esgótase, ao longo de todo o verán recolleron un notable incremento na aceptación deste sistema. “Tal e como avanzamos o pasado mes de abril na presentación das novas duchas, a xente entendeu este de control do consumo de auga como o que é, unha iniciativa ambiental a favor do coidado e protección dos nosos recursos naturais”, apunta Valverde.