A III edición de Nigrán Xogolandia e unha ludoteca gratuíta, principais atractivos para este nadal

Aínda que nos próximos días o Concello de Nigrán presentará a programación completa para este nadal, a concellaría de Turismo, Cultura e Deportes adianta dous dos seus principais atractivos de lecer para este nadal, coa confirmación da celebración da terceira edición de Nigrán Xogolandia no Pavillón Municipal de Deportes de Panxón, con moitas novidades respecto de anos anteriores.

Como novidade, o goberno municipal habilitará no Salón de Actos do concello unha ludoteca de acceso libre e gratuíto, que permanecerá aberta en horario de mañá todos os días laborables entre o 23 de decembro e o 3 de xaneiro. Unha iniciativa que ten o dobre obxectivo de conciliar a vida laboral e familiar dos veciños de Nigrán, así como fomentar as compras do Nadal no comercio local, xa que non será necesaria a reserva de praza previa.