A escola infantil Dunas de Panxón estrea unha nova e mellorada biblioteca, un espazo equipado para nenos e pais que busca incentivar o hábito da lectura entre pequenos e maiores. A montaxe e posta en marcha deste espazo foi posible grazas a unha dotación da Consellería de Educación -valorada en 600 euros-, que se suma aos 5.000 euros que a Xunta de Galicia destinou neste ano á escola infantil de Panxón, dentro do Plan B de Bibliotecas, que se destinaron á adquisición de libros infantís, material audiovisual e mobiliario para a biblioteca.
Ademais do espazo para os usuarios do centro, os pais contan tamén cun espazo especialmente dedicado a eles, cunhas cadeiras de brazos, mesilla e lámpada de pé, que abre para os pais e nais dos alumnos do centro dous martes ao mes en horario de tarde. “Esta iniciativa persegue incentivar a lectura entre os máis pequenos motivando o exercicio deste hábito entre os seus pais”, explica o alcalde de Nigrán, Alberto Valverde.