A Dirección Xeral de Conservación da Natureza publica hoxe no Diário Oficial de Galicia (DOG) a resolución do 25 de setembro do 2013 pola que somete a información pública a proposta de declaración de Espazo Natural de Interese Local (ENIL) do Ecosistema Dunar Praia América-Panxón pertencente ao Concello de Nigrán.
A Xunta de Galicia mostra así a súa intención de compatibilizar a Protección dun Espazo Natural e a súa Conservación, co Uso Público de goce da natureza e actividades de lecer na contorna. “A figura de protección ENIL solicitouse pola calidade e importancia do ecosistema, con nove taxones de fauna e catro hábitats de interese comunitario, un deles prioritario”, explica o rexedor municipal, Alberto Valverde.
A restauración deste ecosistema dunar ha permitido incrementar o número de especies e a súa cobertura, así como a fauna que habita nela, alcanzando un grao óptimo de conservación e compatibilizándoo cos usuarios do areal, especialmente nos meses de verán, “o que sen ningunha dúbida aumenta a importancia da evolución tan positiva que está a ter o ecosistema de Praia América-Panxón”, observa Valverde. Todo iso débese aos labores de recuperación levadas a cabo polo Concello de Nigrán e o grao de colaboración, cada vez maior, que está a ter a poboación respectando o ecosistema.
Esta figura de protección ENIL, foi tramitada no 2012 dentro do Proxecto de Rexeneración do Ecosistema Dunar Praia América Panxón e foi premio da Fundación Biodiversidade. “O seu obxectivo xeral é a mellora dos valores naturais e paisaxísticos a través da planificación e xestión municipal que garanta a súa conservación, sensibilizando á súa vez á poboación local e visitante dos valores, funcións e importancia da conservación da biodiversidade das dunas”, conclúe.