A Deputación de Pontevedra aprobou a concesión dunha subvención por valor de 268.336 euros para acometer as obras de mellora da seguridade viaria da Rúa Rans, “un viario que se atopa nun estado precario e de abandono desde hai anos”, sinalou o rexedor municipal, Alberto Valverde.
O proxecto, elaborado pola enxeñeira municipal, ten como obxectivo implementar a seguridade dun viario cunha considerable afluencia, tanto de tráfico rodado como de peóns, especialmente na época estival, á vez que mellorar a estética dunha zona veciñal e turística do municipio.
As obras concrétanse coa reconstrución dunha rede de pluviais para a recollida das augas da choiva e coa instalación dunha nova rede de abastecemento de auga, substituíndo á actual, “actuacións que optimizarán as infraestruturas hidráulicas nesta zona da parroquia de San Pedro”, observa Valverde.
Así mesmo, procederase ao traslado actual da liña de iluminación pública, co fin de permitir a repavimentación, ampliación e mellora das beirarrúas existentes, que pasarán a ter un ancho de entre 1,80 m e 2,2 metros, dependendo o tramo da mesma. Desta forma, dáse continuidade ao tránsito peonil entre a PO-325 e a PO-552, “mellorando a seguridade para os peóns e adaptando o viario á normativa vixente de accesibilidade, sen necesidade de recorrer a ningunha expropiación de terreo”, puntualiza o rexedor.
O proxecto contempla tamén o asfaltado de toda a calzada, cunha lonxitude duns 500 metros, así como a creación de 70 prazas de aparcadoiro en batería -catro delas para minusválidos- na marxe dos impares, e a habilitación de parterres ao longo do seu trazado, “espazos axardinados de baixo mantemento compostos por plantas e grava branca que mellorarán a estética global do viario”, engade Valverde. O repintado da rúa e a mellora da sinalización vertical, para mellorar a seguridade viaria do tráfico rodado, completan as accións previstas no proxecto.
O rexedor municipal informa que o concello iniciou hoxe mesmo as xestións necesarias para a adxudicación da actuación, que estima comezará despois do período estival, cun período de execución máximo de seis meses.
Neste sentido, o rexedor sinala que levará ao pleno deste mes a aceptación da proposta de cambio de titularidade exposta pola Xunta de Galicia, “xa que para acometer a actuación o viario debe ser de titularidade municipal”.
Con esta actuación, o goberno municipal resolve outra demanda histórica dos veciños da parroquia de San Pedro en particular e de Nigrán en xeral, mellorando a situación dunha rúa que a día de hoxe atópase nun estado moi precario, subliña o rexedor. O alcalde e deputado provincial afirma que, coa xestión realizada por este goberno e co apoio da Deputación de Pontevedra, ábrese a posibilidade de liquidar un asunto transcendente para a parroquia de San Pedro e para o municipio e que é fiel reflexo da boa colaboración entre ambas as administracións, conclúe.