A Deputación de Pontevedra aprobou na xunta de goberno de onte a concesión dunha subvención ao Concello de Nigrán por valor de 159.741,28 euros para o proxecto de reparación e mellora das beirarrúas da Avda. Rosalía de Castro e Val Miñor, elaborado pola enxeñeira municipal a petición do goberno.
A actuación, financiada a través do PUSIM 2014 (Plan Urxente de Mantemento de Servizos e Infraestruturas Municipais), consistirá na reparación e mellora das beirarrúas entre a antiga discoteca Vanitas, na Avda. Val Miñor, e o cruzamento de Rosalía de Castro coa Rúa Telleira. O proxecto contempla tamén a construción dunha nova beirarrúa na Rúa Celso Emilio Ferriero, entre a estrada principal e o colexio Humberto Juanes, “co fin de mellorar a seguridade viaria nunha vía de acceso habitual ao centro escolar”, engade o alcalde, Alberto Valverde.
O plan de obra do proxecto contempla un período de execución estimado de seis meses. “Co fin de minimizar prexuízos ao tráfico rodado e peonil dunha das principais arterias de comunicación do municipio e da comarca, a actuación executarase en tres tramos, que á súa vez se dividirán en dous, xa que nunca se actuará nas dúas beirarrúas á vez, senón que primeiro acometerase un sentido, e unha vez finalizado, pasarase ao seguinte”, explica Valverde.
“Esta actuación, xunto coa peonalización parcial da Avda. Castelao, cuxas obras comezarán nos próximos días, dará unha nova e renovada imaxe ao centro de Nigrán, á vez que mellorarán unhas infraestruturas municipais moi deteriorada polo paso do tempo e a falta de mantemento dos últimos anos”, apunta o rexedor.
Máis de 800.000 de euros de investimento en 2014
Ademais desta subvención de 159.741,28 euros, a Deputación de Pontevedra ha financiada só este último ano outro tres actuacións de gran envergadura no municipio. A reposición do firme do Campo de Fútbol de Condomínguez, valorada en 171.482 euros, a humanización parcial da Avda. Castelao cun investimento de 218.456 euros, e cuxo inicio é inminente, e 268.336 euros para a mellora da seguridade viaria da Rúa Rans, “o que, sumado á subvención concedida o pasado venres, o investimento total, só neste ano, ascende a 818.015 euros”, conclúe Valverde.