A corporación municipal aproba por unanimidade a retirada da reserva de chan entre Saiáns e A Xunqueira

A corporación municipal aprobou por unanimidade a retirada da reserva de chan entre Saiáns e A Xunqueira recollida no Plan Xeral de Ordenación Municipal. Neste sentido, o rexedor municipal lembra que, aínda tendo o respaldo suficiente –xa que o edil Ignacio Vilas mostrouse a favor de manter dita reserva no documento de ordenación urbanística- para rexeitar a proposta do grupo socialista, e baixo o criterio anunciado a pasada semana, o grupo popular preferiu modificar as propostas do PSOE, co fin de alcanzar un acordo que beneficie ao municipio, “e non pensando en cuestións máis políticas”, observou.

A proposta aprobada na sesión extraordinaria celebrada hoxe contempla a retirada do dicir reserva de chan, así como o requirimento á empresa redactora de que elabore un novo plan para o chan afectado, que será incorporado ao documento que levará a aprobación provisional.

“O proceso de aprobación do PXOM segue adiante con absoluta normalidade, e a proposta aprobada hoxe será incorporada ao documento, así como o resto de alegacións con base xurídica suficiente que se están presentado neste proceso de exposición pública no que nos atopamos”, sinalou Valverde.

O rexedor municipal lembrou aos veciños presentes no pleno que a súa achega a través das alegacións será fundamental, xa que estas permitirán mellorar un documento que a partir do próximo 3 de outubro –día no que finaliza a exposición pública do mesmo- entra nunha fase importantísima.

Alberto Valverde desmentiu unha vez máis as acusacións da oposición, que asegura que a mencionada reserva de chan sería para a futura construción dun viario de alta capacidade, unha autovía ou unha autoestrada. “Nin eu nin o meu equipo de goberno defenderiamos a construción dun viario destas características, e que ademais, segundo apunta a oposición, afectase a ningunha vivenda”, asevera Valverde.

“As conversacións mantidas coa Xunta de Galicia nas últimas semanas sobre a viabilidade real de levar a cabo o proxecto do viario, así como o sentir dos veciños de Nigrán, son os únicos argumentos que motivaron a decisión adoptada polo goberno municipal de eliminar a reserva de chan do PXOM”, conclúe Valverde.