A corporación municipal aprobou na sesión plenaria de decembro a primeira ordenanza reguladora do servizo de taxi en Nigrán, un marco normativo inexistente até a data, que permitirá regular o funcionamento deste servizo dentro do termo municipal.
A proposta presentada polo goberno municipal foi aprobada de forma inicial por unanimidade, tras a incorporación dunha emenda do grupo socialista que flexibiliza os prazos de adaptación dos taxis á nova normativa.
Así pois, a ordenanza establecerá que o pintado e rotulación dos vehículos poderase pospor á renovación do taxi, á vez que amplía até os dous anos o tempo de prórroga dos taxis para permanecer en servizo, a condición de que o estado do vehículo garanta a seguridade para os seus usuarios. Así mesmo, a ordenanza recollerá un período de adaptación dun seis meses para a instalación dos taxímetros.
O alcalde valora de forma positiva esta aprobación, “que, despois de moitos anos de actividade, dotará a este colectivo dun marco normativo que regule a súa actividade, o que redundará nun beneficio tanto para os taxistas como para os usuarios do servizo”, sinala.
Transparencia
Así mesmo, o pleno aprobou, tamén por unanimidade, a moción presentada polo grupo popular sobre as asignacións económicas aos grupos políticos municipais. A proposta ten como obxectivo garantir unha transparencia total do uso dos recursos públicos, e recolle a obrigatoriedade de cada un dos grupos políticos que conforman a corporación de presentar a contabilidade anual de ingresos e gastos das asignacións realizadas por parte do concello para o seu funcionamento, no primeiro trimestre do seguinte ano a justificar.