A Comisión Territorial de Patrimonio Histórico da Xunta de Galicia abordará a concesión de permisos para completar e mellorar a infraestrutura hidráulica do municipio

A Comisión Territorial de Patrimonio Histórico da Xunta de Galicia abordará o vindeiro martes 5 de maio a concesión dos permisos necesarios para acometer as actuacións hidráulicas correspondentes ao exercicio 2015, contempladas no convenio plurianual subscrito entre o Concello de Nigrán e Augas de Galicia en 2013 por valor dun millón de euros para completar e mellorar a rede de saneamento e abastecemento de auga do municipio.

Coa anualidade correspondente ao presente exercicio por parte da administración local, valorada en 100.000 euros, o Concello de Nigrán acometerá a ampliación da rede de saneamento no Camiño Salgueiral, na parroquia de Camos, e nos camiños Rincho e Dehesa, inscritos na parroquia de Nigrán, así como a ampliación do abastecemento de auga no Camiño Muiños, tamén en Nigrán.

Estas actuacións, enmarcadas dentro do convenio entre o concello e Augas de Galicia, complétanse con outras realizadas por parte de Augas de Galicia por valor de 800.000 euros, entre os que destacan os saneamentos en Pombal e o abastecemento a Parada, e a obra de saneamento Piñeiro-Dehesa, financiada a través da achega comprometida pola administración local –outros 100.000 euros que completan a achega municipal ao convenio-, e que previsiblemente arrancará a próxima semana.