CINEMA A PEDAL

O CONCELLO DE NIGRÁN LEVA AS BICICLETAS Á FOZ ESTE VENRES
E SÁBADO
 PARA OFRECER A QUINTA EDICIÓN DO FESTIVAL
‘CINEMA A PEDAL’

Nas proxeccións gratuítas os asistentes producirán a electricidade necesaria para facer posible o cinema ao aire libre e, ademais, durante a tarde haberá distintas actividades para todos os públicos

Por vez primeira o festival continuará do 16 ao 20 de setembro nos Cines Municipais da Ramallosa, coincidindo coa Semana Europea da Mobilidade

Nigrán, 05/08/26.- O Concello de Nigrán quenta motores para celebrar a súa quinta edición de ‘Cinema a Pedal’ este venres e sábado, 7 e 8 de agosto, no Esteiro da Foz, na Ramallosa. O festival volverá transformar este espazo ao aire libre nun gran cinema sostible baixo as estrelas no que o público poderá participar activamente xerando coa súa pedalada a enerxía necesaria para as proxeccións. Cinema, sustentabilidade, deporte e participación cidadá únense no municipio nunha proposta cultural única en Galicia. A maiores, as tardes no esteiro da Foz estarán acompañadas de actividades para todos os públicos como xogos tradicionais, un Troco Fest para o intercambio de prendas de roupa, un espazo de reparación de bicicletas, electrónica e roupa, e un pequeno recuncho gastronómico.

Ademais, por vez primeira o festival continuará do 16 ao 20 de setembro nos Cines Municipais da Ramallosa, coincidindo coa Semana Europea da Mobilidade, cunha programación dedicada á competición internacional de curtametraxes e longametraxes. ‘Cinema a Pedal’ está organizado polo Concello de Nigrán coa colaboración do programa Culturea da Deputación de Pontevedra.

Como cada ano, a programación busca ofrecer cinema de calidade conectado co universo da bicicleta, a mobilidade sostible, a inclusión e as novas formas de habitar o mundo, mantendo ao mesmo tempo o carácter aberto, familiar e participativo que define desde a súa creación.

PROGRAMACIÓN

Venres 7 de agosto

A programación comezará ás 18:00 h con Xogando Miudiño, unha proposta lúdica para o público familiar que se desenvolverá ata as 21:00 h.

Ás 22:00 h proxectarase A bici do elefante, a premiada curta de animación da directora rusa Olesya Shchukina.

A continuación, ás 22:10 h, será a quenda da longametraxe de animación A bicicleta de Bartali, dirixida polo italiano Enrico Paolantonio, un canto á tolerancia, á amizade e á solidariedade que reivindica o deporte como unha ponte capaz de derrubar prexuízos e achegar persoas de culturas diferentes.

Sábado 8 de agosto

O sábado, entre 18:00 e 21:00 h, o festival acollerá os Xogos Tradicionais de Sororas, recuperando o valor do xogo compartido no espazo público.

A sesión nocturna arrancará ás 21:45 h con Beauty, unha curta rodada en Vigo de Eduardo Muñoz e José del Corral, que contará ademais cunha presentación por parte dos seus protagonistas.

Pechará a programación ao aire libre ás 22:15 h a longametraxe Estrany riu, de Jaume Claret Muxart, unha ficción sobre a adolescencia, a familia e o descubrimento persoal durante unha viaxe en bicicleta polo Danubio.