ACTA CONCURSO DE CARTEIS ‘QUIN ALBORÉS’ – NIGRANJAZZ 2026
Nigrán, 18 de maio de 2026
Recibidas 72 propostas de imaxe en tempo e forma para participar no concurso de carteis do Concello de Nigrán ‘Quin Alborés’ dotado con 700 € e que representará a imaxe do XX Nigranjazz, os seis membros do xurado reúnense no Centro Social de Vilameán o luns 18 de maio de 2026 sendo ás 10:00 horas para valorar e seleccionar ao gañador tendo en conta a calidade artística, o impacto visual, a vinculación coa estética do jazz e a lexibilidade dos carteis presentados.
Tras unha longa deliberación nunha primeira votación sobresaen en puntuación 5 propostas baixo os lemas:
– Kasilda
– Jazz en flor
– Contrapeixe
– Son gravado nas pedras
– Abstracción jazz
Tras unha segunda deliberación sobre estes finalistas e outra rolda de votacións o xurado selecciona dúas propostas totalmente antagónicas: ‘Jazz en flor’ e ‘Son gravado nas pedras’.
O xurado realiza unha nova análise e nunha terceira rolda de votacións finalmente resulta GAÑADOR DO CERTAME QUIN ALBORÉS-NIGRANJAZZ 2026 ‘SON GRAVADO NAS PEDRAS’ baixo a autoría de BEÑAT SOLIÑO PORTUGAL.
Igualmente, o xurado desexa facer unha MENCIÓN ESPECIAL a ‘Jazz en flor’, de Ana María Varela Ramos, por considerar que a proposta gráfica resulta igual de excelente.
O xurado destaca do gañador a ruptura absoluta cos estilos de edicións anteriores, a súa aparente sinxeleza fronte a complexidade de ideas que condensa e, en definitiva, a iconicidade que supón esta imaxe para unha 20 edición do festival, aniversario senlleiro e que, polo tanto, contribuirá a que visualmente sexa facilmente identificable. Esta apreciación é a que fai que o xurado elixa este cartel como gañador fronte a ‘Jazz en flor’, proposta moi fermosa e graficamente impecable pero menos icónica e máis axeitada para un festival como ‘Primavera de Jazz’, que tamén organiza o Concello de Nigrán.
O xurado valora como esa aparente sinxeleza do gañador evoca a idade do festival (vinte aniversario) ao empregar o tronco dunha árbore, elemento natural que sobresae nas vistas da contorna do recinto. Eses mesmos círculos concéntricos remiten a dous discos de vinilo, soporte por antonomasia da Historia do jazz, e mesmo as ondas sonoras da música, mentres que un mastro que os atravesa debuxa unha guitarra, instrumento tamén clásico deste xénero musical. Finalmente, os círculos concéntricos subliñan un patrimonio arqueolóxico moi presente no municipio: os petroglifos. A unión de todos estes conceptos nunha icona inconfundible e lonxe de estereotipos falan tamén da propia transversalidade do jazz, polo que a proposta se erixe como a máis axeitada para este 20 aniversario.
Por todo o mencionado, o Xurado considera que ‘Son gravado nas pedras’ é a mellor proposta para promover o Nigranjazz 2026 e, ao mesmo tempo, a súa ruptura gráfica outorga un novo pulo a este certame.
Asinan o acta os 6 membros do xurado:
Juan A. González Pérez- Alcalde e Presidente do Xurado
Felipe Villar Andrade – Secretario e director do Nigranjazz
Olalla Fernández Álvarez – Vogal. Deseñadora gráfica
Álvaro Fernández Alborés – Vogal. Irmá de Quin Alborés
Natalia Gomes Iglesias – Vogal. Deseñadora gráfica
María Villar Andrade – Vogal, responsable de Comunicación do Concello de Nigrán


