
O CONCELLO DE NIGRÁN PROGRAMA O SEU CUARTO CICLO ‘PRIMAVERA DE JAZZ’ COS MÚSICOS GALEGOS DE CULTO
Arranca o sábado 28 de marzo co pianista Yago Vázquez, continuará o 25 de abril co cuarteto ‘Noar’ de Iago Marta e Rubén Fernández e finalizará o 30 de maio con ‘Juzz’, banda liderada polo guitarrista Virxilio da Silva
Todos os concertos son con entrada de balde, no Auditorio Municipal, e ás 20:30 horas
“Levamos 4 anos ofrecendo en Nigrán aos mellores músicos de jazz do país en directo e fora da tempada estival, un auténtico luxo para un público fiel a este xénero musical”, explica o alcalde, Juan González
Nigrán, 19/03/26.- O Concello de Nigrán abrirá o sábado 28 de marzo co gran pianista vigués Yago Vázquez, residente en New York, o seu cuarto ciclo ‘Primavera de Jazz’, un cartel que novamente reúne músicos galegos de culto internacional en tres citas imprescindibles para os amantes deste xénero. Tras él, o ciclo continúa o 25 de abril co cuarteto ‘Noar’ de Iago Marta e Rubén Fernández e finaliza o 30 de maio con ‘Juzz’, banda liderada polo guitarrista Virxilio da Silva. Todos estes concertos son no Auditorio Municipal ás 20:30 horas con entrada de balde ata completar aforo e contan co apoio da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do ‘Plan + Provincia’.
“Levamos catro anos ofrecendo en Nigrán aos mellores músicos de jazz do país en directo e fora da tempada estival, un auténtico luxo para un público fiel a este xénero musical”, explica o alcalde, Juan González, en referencia ao festival de verán Nigranjazz. “Despois de 19 anos ininterrumpidos de Nigranjazz temos xa un público moi consolidado que demanda concertos en directo o resto do ano e un alumnado da Escola de Música que tamén o reclama, e por iso apostamos firmemente por este festival que, paralelamente, quere promover aos mellores músicos galegos”, explica o rexedor.
Yago Vázquez
Este pianista vigués residente en New York e habitual na súa escea musical comeza os seus estudos no Conservatorio de Música de Vigo, e máis tarde estudia en Escola Estudio de Santiago de Compostela e no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra. No 2008 marcha a New York cunha bolsa de estudios para ‘The New School for Jazz and Contemporary Music’, onde se gradúa con honores no 2010. Alí ten a oportunidade de estudar con profesores coma Junior Mance, Sam Yahel, Kevin Hays ou Jane Ira Bloom.. Na súa carreira tocou con músicos coma Reggie Workman, Billy Harper, Drew Gress, Jeff Hirshfield, Scott Lee, David Schnitter, Jamie Baum, Gilad Hekselman, Joe Martin ou Ingrid Jensen, etc. E actúa nos clubes máis pretixiosos da cidade: Jazz at Lincoln Center, Blue Note, Jazz Gallery, Jazz Standard, Smalls Jazz Club, Smoke, Fat Cat, Birdland, Minton’s, etc. Yago Vázquez tamén participa en numerosas xiras internacionais en Alemaña, Suiza, Francia, España, Portugal, Inglaterra, República Checa, Estados Unidos, Mexico, Guatemala, Honduras, Salvador, Nicaragua, Costa Rica, Chile ou Corea. Resultou gañador do Premio Martin Codax da Musica en 2018 e nomeado aos Premios Pulsar 2016 (Chile) e aos Echo Awards 2016 (Alemaña). Yago conta con máis de 30 álbumes na súa discografía.
NOAR
Noar é a nova proposta musical de Iago Marta (guitarra) e Rubén Fernández (voz), dous experimentados músicos da escena galega. Procura, creatividade, sutileza e intensidade dun dúo que muda en cuarteto coa incorporación de Yudit Almeida (contrabaixo e voz) e Zalo Rodríguez (electrónica e teclados), para ofrecer un formato máis amplo das músicas de Noar. Coa mesma esencia que caracterizaba o seu derradeiro disco, ‘Ao vivo’, o seu novo traballo amplía horizontes á canción de autor e ao pop, coas pinceladas de jazz e experimentación que están sempre presentes nos universos musicais deste proxecto.
JUZZ
JUZZ é a banda liderada polo guitarrista galego Virxilio da Silva, un nome máis relacionado nun principio coa escena jazzística, aínda que non só se pode cinxir a ese xénero musical. Virxilio, ademais de ter colaborado en numerosas gravacións e directos como ‘sideman’ ao longo dos últimos vinte anos, colidera tamén bandas como Foxy Freire, Loiros, Fuzzo, The Manueles ou Steel Sheep, que reflicten a variedade estilística na que este músico se sente especialmente cómodo. As orixes deste proxecto persoal remóntanse aos seus estudos de mestrado en Holanda. Como parte do traballo de final de estudos, Virxilio presentou en 2015 algunhas das composicións que posteriormente gravaría no primeiro LP homónimo do grupo, traballo que vería a luz na primavera de 2018. Nel presentaba os seus traballos máis recentes, froito dos últimos anos de procura e experimentación, unha música cuxas influencias van desde o rock máis psicodélico e ácido de finais dos sesenta até o jazz, pasando polo pop avant-garde máis experimental, o noise ou o stoner. A música de JUZZ ten como máxima a procura da liberdade alén da súa clasificación nun xénero determinado, e aspira, por enriba de todo, a manifestar a súa esencia subversiva. En abril de 2024, o selo lucense de rock progresivo áMarxe publica unha reedición en formato CD do seu primeiro disco, que inclúe material inédito da sesión de gravación orixinal. O lanzamento recibe moi boa acollida entre o público especializado, colleitando excelentes críticas dentro e fora do país.


